publicidade hoxe

Medio Ambiente destina 7 millóns de euros ás obras de saneamento da enseada da Malata

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio de colaboración

Beatriz Mato na sinatura do convenio de colaboración

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destina máis de 7 millóns de euros ás obras de saneamento da enseada da Malata coa que se evitarán os vertidos sen depurar á ría de Ferrol desde dita zona.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que permite “desbloquear unha infraestrutura crave que completará o saneamento desta ría”, afirmou Mato Otero, que nas últimas décadas estivo sometida a unha gran presión polos vertidos de augas residuais por parte de todos os núcleos situados en ambas marxes e que estaban a producir un gran deterioro medioambiental.

Grazas ao convenio asinado hoxe executarase o tramo de intereceptores xerais que poderá recoller as augas da Enseada da Malata, é dicir, das poboacións asentadas na contorna e que verten as súas augas residuais sen depurar nesta zona, e que serán enviados á nova rede de interceptores xerais da marxe norte.

As novas infraestruturas constarán dun tanque de tormentas na zona de A Malata, cun volume útil de 1.500 m3 e outro tanque de tormentas cun volume útil de 500 m3, que vai substituír á estación de bombeo existente. Tamén se instalará unha nova estrutura de regulación (da Malata), que se situará nas inmediacións do Peirao Fernández Ladreda e controlará o caudal da marxe Este da Enseada transportado polo colector xeral.

Por último, tamén se construirá unha nova rede de colectores xerais formada por cinco novos colectores (os dos dous tanques de tormentas, o da Zona Este da enseada, o do río Sardiña e o da Estación de Bombeo de A Malata) e se remodelará o bombeo existente na zona da Cabana. Estas infraestruturas están proxectadas para dar servizo a preto de 15.000 habitantes, que é a poboación estimada para esta área no horizonte 2038.

Actuación prioritaria de Goberno

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que o saneamento das rías foi unha das actuacións prioritarias do actual Goberno, que no caso concreto de Ferrol se traduce nun importante investimento.

Recordou que foi necesario actuar na marxe norte e sur, traballo que remata con esta nova actuación cun investimento de 7,1 millóns de euros, que asumirá integramente a Consellería de Medio Ambiente.

No caso da marxe norte, o obxectivo principal do proxecto global de saneamento era levar as augas residuais para o seu tratamento da marxe norte –na que se concentran os maiores núcleos de poboación– á nova EDAR de Cabo Prioriño. As actuacións programáronse en dúas fases: unha primeira que implicou a construción da nova Edar de Cabo Prioriño, un emisario submarino e un emisario terrestre para o transporte das augas residuais, actuacións que suman un importe de 131 millóns de euros; mentres que na segunda fase, procedeuse á renovación da rede de interceptores xerais, que implicou a construción de 13,4 quilómetros de novos colectores, a renovación de 10 quilómetros de colectores xa existentes e 12 novos tanques de tormentas, para o que foi necesario mobilizar un investimento de case 55 millóns de euros.

Na marxe sur, na que se atopan os concellos de Ares, Fene e Mugardos, os traballos incluíron a execución dunha nova Edar en Punta Avarenta e unha extensa rede de colectores xerais para os tres concellos. Un saneamento que a Xunta asumiu integramente e que implicou un investimento de 76,2 millóns de euros.

18 de setembro de 2017 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.