publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Máis de 110 alumnos formaranse durante este curso en ciclos de acuicultura e mergullo no Igafa

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta mañá o curso escolar do Instituto de Formación en Acuicultura (Igafa). Alí adiantou que 111 alumnos formaranse no centro arousán en materia de acuicultura e mergullo, a través dos diferentes ciclos formativos de grao medio e superior que oferta durante este curso 2017/18.

Durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a conselleira explicou que a maiores deste grupo de alumnos que cursarán formación regrada, tamén se formarán outros alumnos noutros cursos de formación non regrada (cursos dunha menor duración) e lembrou que no primeiro semestre de 2017 foron 319 os que fixeron este tipo de cursos no Igafa.

A conselleira fixo fincapé na importancia da formación náutico pesqueira de cara seguir mellorando a estrutura da formación como vía para avanzar no relevo xeracional e para dotar ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de sustentabilidade e competitividade. Neste aspecto, reiterou que é unha materia blindada pola Administración en canto ao orzamento e especificou que ascendeu un 18% no 2016 e un 5% no 2017, chegando a case 9 millóns de euros.

Nesta liña, a titular de Mar recordou a aposta decidida da Xunta no eido da formación profesional marítimo-pesqueira nos centros dependentes da Consellería do Mar. Así, lembrou que no ano 2016 máis de 3.500 alumnos beneficiáronse dos máis de 200 cursos impartidos nos centros de formación e nas instalacións portuarias e especificou que no caso do Igafa, a matrícula medrou desde o ano 2009.

Igafa

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura, que este ano celebra o seu 25 aniversario, é o único centro de Galicia que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo. Cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), foi inaugurado no ano 1992 e desde 2005 é o “Centro nacional de formación profesional ocupacional na área formativa de Acuicultura”. Conta cunhas instalacións comúns para as ensinanzas de acuicultura e mergullo, con 11 aulas para impartir as clases teóricas, biblioteca, salón de actos, laboratorios de bioloxía e de ciencias, aula de audiovisuais e aula de informática. Completan as instalacións e equipamentos unha sala de acuarioloxía, un obradoiro de soldadura, outro de mecánica e varias embarcacións.

15 de setembro de 2017 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.