publicidade hoxe

Goberno da Deputación e veciños impulsan en Taboada a “Queima das Fachas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoTaboada
A-
A+

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este martes, nos xardíns de San Marcos, unha nova edición da Queima das Fachas, que terá lugar este xoves, 7 de setembro, na parroquia de Santa María do Castelo, en Taboada. Fíxoo xunto a Manuel Fidalgo e Marcos Regueira, Presidente e Secretario da Asociación Cultural As Fachas, colectivo que organiza esta cita, declarada Festa de Interese Turístico Galego. O Goberno Provincial converteu á Deputación na única administración que colabora con dita asociación no impulso desta festividade ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo. Faino cunha achega de 3.000 euros e a través da TIC, que elaborará un documental, recollendo todo o proceso de elaboración das fachas cos obxectivos de salvagardar o patrimonio cultural e etnográfico da provincia, así como de promocionalo.

García Porto puxo en valor o “o esforzo e a implicación dos membros da Asociación As Fachas e dos veciños da parroquia de Santa María do Castelo, que fan posible que perdure no tempo unha tradición ancestral. Sumamos esforzos con vós para xuntos poñer en valor a nosa cultura e as nosas tradicións, somo sinais únicos da nosa identidade como pobo, capaz de xerar riqueza, atraendo a centos de persoas de todos os puntos da xeografía galega á nosa provincia. Noraboa polo voso traballo”. O colectivo ten todo preparado para a queima de entre 30 e 40 fachas.

Asociación Cultural As Fachas

A Asociación Cultural As Fachas constituíuse a finais de 1992 e ten entre os seus obxectivos procurar que non se extinga a realización das Fachas, a súa organización e a restauración da antiga escola da parroquia. Ademais, colaboran naquelas iniciativas veciñais que buscan o beneficio e a conservación patrimonial da parroquia.

Historia das fachas

A Queima das Fachas é unha tradición celta da que non se ten constancia escrita, pero si se coñece que se mantivo durante a época romana, ata o punto de sobrevivir aos nosos días. Tense a crenza de que o motivo desta queima era para comunicarse con outros castros ou para celebracións festivas.

As fachas son estruturas que poden alcanzar entre os 8 ou 9 metros de altura e que están feitas de madeira e agucios (arbustos moi combustibles de arredor de 1 metro, con talo liso e recto). Emprégase como base un tronco delgado e recto e sobre el vanse enlazando os agucios que se recollen en xullo e agosto. Tras deixalos secar, vanse montando ao redor do tronco en sentido vertical, ensamblándose uns con outros de xeito que só e vexan os extremos dos agucios nas partes inferior e superior da facha.

Programación

A Festa da Queima das Fachas terá lugar o xoves 7 de setembro, na Parroquia de Castelo, no Concello de Taboada. Durante esta xornada, os veciños van subindo as fachas ata O Castro do Castelo e alí vanse colocando ao redor do mesmo. Esa mesma tarde, haberá xogos e celebracións para os máis cativos. A partir das nove das 21:00 horas haberá unha cea popular e música a cargo do grupo folclórico Zurromallas e as pandereteiras As Chorimas de Chantada. As 00:00 horas, prenderáselle lume as Fachas. Posteriormente, continuará a festa coa orquestra Claxxon.

5 de setembro de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.