publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia e Colombia colaboran na formación de persoal para o cultivo e explotación da ameixa piangua

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Técnicas do Centro Tecnolóxico do Mar –Fundación Cetmar- e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura -Igafa- desenvolven durante esta semana en Tumaco (Colombia) un programa formativo para a capacitación de profesionais, produtores locais e axentes vinculados á produción da ameixa piangua.

Con esta formación, que se prolongará ata mañá, venres, preténdese sensibilizar aos axentes relacionados coa explotación deste recurso, sobre a necesidade de emprender un plan de xestión para o seu cultivo. O obxectivo é xerar alternativas económicas para a poboación vinculada a esta actividade e garantir unha explotación sustentable deste recurso.

Esta acción encádrase nun proxecto liderado pola Gobernación de Nariño a través da Gerencia del Pacífico e da Secretaría de Agricultura Departamental, a Alcaldía de Tumaco, a Federación de Concheras de la Costa Pacífica de Nariño – Fedeconcha, e organizacións de productores locais. Tamén conta co apoio da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo – Aecid-, a través do programa de Desenvolvemento con Identidade Rexional entre España e Nariño –Direna-.

Durante estes días as técnicas do Cetmar e do Igafa abordarán temáticas como a evolución do marisqueo en Galicia e os métodos de cultivo e manexo de minicriadeiros de moluscos bivalvos, entre outros. Ademais levaranse a cabo dinámicas de traballo coa comunidade piangüera, que tratarán a importancia de traballar plans de explotación sustentables para o recurso piangua. Tamén se realizarán visitas prácticas cos profesionais da comunidade e a propia comunidade piangüera de “El bajito”.

Esta etapa de formación que se realiza no Centro de Orientación para o Empleo y el Emprendimiento – COEE-, en Tumaco, é a segunda que se desenvolve e complementa á primeira realizada en Galicia en novembro de 2016. Nela o Cetmar realizou un diagnóstico inicial que permitiu xerar unha base de coñecemento crítico sobre a piangua explotada no departamento colombiano de Nariño, coñecer o estado actual do recurso e servir de apoio á toma de decisións de planificación e manexo adecuadas.

As accións que se están a levar a cabo buscan fortalecer a estratexia da alianza Direna a través da transferencia de boas prácticas desde institucións españolas a institucións e actores en Nariño. O obxectivo de avanzar no nivel de desenvolvemento económico sustentable, equitativo e incluínte, en especial de mulleres, indíxenas, comunidades afrocolombianas e campesiños.

7 de setembro de 2017 | 16:34 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario