publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo avanza a posta á disposición de 5500 metros cadrados de espazos públicos para ofrecer aos coruñeses mellores servizos e novas oportunidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
O titular da Xunta na presentación da rehabilitación da antiga sede da Consellería de Sanidade

O titular da Xunta na presentación da rehabilitación da antiga sede da Consellería de Sanidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a rehabilitación da antiga sede da Consellería de Sanidade da Coruña para poñer á disposición dos veciños 5500 metros cadrados de espazos públicos para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades.

“Queremos reinventar esta antiga sede de sanidade e darlle unha nova vida”, dixo, ao que engadiu que este Espazo Amizar contará cunha área para apoiar os cidadáns a través das dependencias de xuventude, menores ou inclusión; con dependencias de formación e emprego; cun espazo para traballar pola cidade nas dependencias administrativas; e con lugar para as asociacións socio-sanitarias desta cidade.

Durante o acto de presentación do proxecto, Feijóo subliñou que esta actuación, cun investimento de máis de 5 millóns de euros, permitirá aproveitar os recursos da Administración para camiñar cara aos alugueiros cero, ao crear un novo espazo público.

Unha filosofía, lembrou, que a Xunta está a espallar por todo o territorio galego: en Lugo, co novo Barrio da Residencia; en Pontevedra, co edificio Benito Corbal; en Vigo, co desbloqueo da ETEA e a Cidade da Xustiza; e en Ourense, coa sede da Axencia Tributaria.

Salientou que, tras a posta en marcha da nova sede xudicial, a Administración autonómica acada o obxectivo de alugueiros cero de oficinas na cidade. O presidente do Goberno galego subliñou que o Espazo Amizar, que estará finalizado no 2020, serve ademais para poñer en valor o patrimonio galego, aproveitando os edificios singulares coma este, modernizándoos e poñéndoos de novo ao servizo dos cidadáns.

“E estamos a falar, ademais, dun proxecto que pensa no futuro, sustentable a nivel enerxético, xa que o 93% da enerxía será renovable e contará, tamén, cunha caldeira de biomasa. E cunhas instalacións pensadas para os traballadores e os usuarios, garantindo a accesibilidade”, abundou.

A rehabilitación anunciada hoxe transformará os dous edificios que conforman a antiga delegación –o edificio prisma e o edificio óvalo-, situados na rúa Gregorio Hernández.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que esta iniciativa contribuirá a facer da Coruña un lugar máis vivo, aberto e capaz de ofrecer mellores servizos e oportunidades para a cidade e a súa área de influencia.

18 de setembro de 2017 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.