publicidade hoxe

Deputación de Lugo e asociacións expoñen en Sarria a riqueza do Camiño en 300 obras de 70 artistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSarria
A-
A+

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria, Jorge López, presentaron este luns a VIII Edición de Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño. Trátase da mostra que acollerá a antiga Prisión Comarcal sarriana dende o 9 de setembro ao 22 de outubro, coa que o Executivo Provincial e colectivos amosan a riqueza do Camiño en 300 obras de 70 artistas. Con esta exposición, o Goberno da Deputación suma esforzos coa Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Santiago, Palilleiras de Sarria, Sarricanta e Crearte co obxectivo de por en valor os recursos turísticos da provincia para xerar riqueza ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo.

Santos Ramos subliñou que “colaboramos con esta iniciativa dentro da nosa aposta por visibilizar e dar a coñecer o traballo dos nosos artesáns, ao mesmo tempo que poñemos en valor a nosa cultura popular e as nosas tradicións, como un dos grandes atractivos cos que contamos na provincia. Así, a organización deste tipo de exposicións enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Turismo totalmente participativo que elaboramos dende o Goberno da Deputación, para xerar riqueza e dinamizar os Concellos lucenses a través do turismo”.

O Deputado de Relacións Institucionais destacou que “na mostra, composta por preto de 300 obras de 70 artistas da zona, poderanse atopar maquetas dos monumentos do municipio sarriano, cadros, pezas de madeira, ferro ou tela, entre outros obxectos. Espéranse, de media, arredor de 5.000 visitantes”.

A entrada é libre e totalmente gratuíta. A exposición estará aberta de 17:00 a 20:00 horas todos os días da semana. Trátase dun horario especialmente destinado aos peregrinos, pois é durante a tarde cando adoitan ter máis tempo para visitar e coñecer os diferentes recunchos dos municipios polos que pasan.

Colaboración coa Asociación Camino Shikoku Henro de Xapón

Como novidade, esta oitava edición da mostra contará coa colaboración da Asociación Camino Shikoku Henro de Xapón. Así, na exposición haberá un apartado especificamente destinado as obras aportadas polos seus membros, como fotografías de templos ou maquetas.

O Shikoku Henro é un camiño de peregrinación que percorre 88 templos budistas ao redor da illa de Shikoku, a máis pequena do arquipélago de Xapón. Esta ruta de 1.200 quilómetros atrae cada ano a miles de peregrinos de todo o mundo, polo que se lle coñece como un Camiño de Santiago ao xaponés.

A Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Santiago asinou un convenio de colaboración coa Asociación Camino Shikoku Henro para acoller na provincia peregrinos de Xapón durante os 10 próximos anos, estudantes de diferentes universidades do país nipón, que farán o Camiño de Santiago dende Sarria. Este ano viñeron a primeira semana de agosto e para o 2018 está previsto que realicen o Camiño en xuño. En paralelo á peregrinación asistirán a conferencias, charlas e outras actividades organizadas pola Asociación sarriana.

4 de setembro de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.