publicidade hoxe

Cores Tourís visita o CEIP Vilaverde Mourente tras a adxudicación das obras de mellora enerxética do centro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao CEIP Vilaverde Mourente

Cores Tourís na visita ao CEIP Vilaverde Mourente

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEIP Vilaverde Mourente de Pontevedra co obxectivo de analizar coa empresa adxudicataria das obras de mellora enerxética o plan de traballo que se porá en marcha nos próximos días.

As obras foron adxudicadas esta mesma semana á empresa Taboada e Ramos e teñen un orzamento que rolda os 381.000 euros.

Tal e como explicou o delegado territorial, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer este ano as obras de mellora enerxética tanto neste centro como no CPI de Mosteiro (Meis) por un importe estimado de preto de 940.000 euros cofinanciados con fondos Feder e repartidos a partes iguais entre os dous centros.

Estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúan no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

Na visita realizada hoxe, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como por membros do equipo directivo do centro, da ANPA e da Unidade Técnica da Xefatura Territorial.

Os traballos consistirán principalmente no illamento da fachada, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; a substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; e a reparación e pintado de paramentos interiores e zonas exteriores sen ladrillo cara vista.

Segundo apuntaron os responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial e da empresa, os traballos levaranse a cabo aplicando un protocolo de seguridade que garantirá que a comunidade educativa non se vexa perxudicada polas obras. Por outra banda, a retirada do amianto levarase a cabo tamén a través dunha empresa especializada nun horario no que se garanta que non hai nin alumnos nin persoal educativo no colexio.

“Ante todo quixemos agradecer a colaboración da comunidade educativa deste centro, e recordámoslles que este tipo de obras, de gran importancia, xa se fixo noutros cinco centros da provincia nos últimos tempos, entre outros no Campolongo e no Chancelas, e nunca se produciu problema de ningún tipo porque hai total coordinación entre a dirección do centro, a Unidade Técnica da Xunta e as empresas encargadas das obras”, engadiu pola súa banda o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

Por outra banda, José Manuel Cores Tourís tamén destacou que outros sete centros da capital veranse este ano en materia de reforma, en concreto, o EEI Concepción Crespo Rivas, o CEIP A Xunqueira I, o CEIP Álvarez Limeses, o CEIP de Marcón, o CEIP Manuel Vidal Portela e o CEIP Vilaverde. “En total, destinaremos a estes centros 704.991 euros, aos que debemos sumar tamén os traballos de seamento do ximnasio do IES Xunqueira I e a instalación do novo transformador eléctrico do IES de Montecelo”, matizou o delegado territorial.

As obras nos centros de Primaria centraranse en mellora da accesibilidade, reforma de aseos, de sistemas de iluminación e de eficiencia enerxética.

Deste xeito, destinaranse 60.132 euros a reforma de ventas e eficiencia enerxética no EEI Concepción Crespo Rivas; 50.000 a obras de accesibilidade e reforma da instalación eléctrica no CEIP Xunqueira I; 31.000 euros a renovación dos aseos do andar superior do CEIP Álvarez Limeses; 10.000 a reposición do pavimento do comedor no CEIP de Marcón e 33.150 euros para a nova iluminación led do CEIP Manuel Vidal Portela. “En total, xunto as obras que se realizarán no CEIP Vilaverde Mourente, estamos a falar dun investimento que este ano superará os 705.000 euros nos colexios da cidade do Lérez”, especificou José Manuel Cores Tourís.

Finalmente, o delegado territorial destacou que nos últimos anos, a administración autonómica destinou 7,5 millóns de euros á mellora e reforma dos centros educativos de Primaria e Secundaria da capital da provincia.

1 de setembro de 2017 | 14:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.