publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís comproba o inicio das obras de execución da senda peonil da PO-255 en Covelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCovelo
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras

Cores Tourís na visita ás obras

O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras da senda peonil que acaba de comezar a executarse na PO-255 ao seu paso polo concello de Covelo.

O delegado territorial estivo acompañado do alcalde do municipio, Pablo Castillo, así como do xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez, e da empresa adxudicataria dos traballos.

A obra ten como obxecto a construción dun itinerario peonil coa finalidade de mellorar as condicións de seguridade deste tramo situado entre os núcleos de Covelo e Maceira, “unha demanda que xa nos fixo chegar o alcalde en diferentes ocasións dende que se converteu en rexedor, tanto nas visitas que realizou á Delegación Territorial, como as que realizamos por diferentes motivos ao municipio nestes últimos anos, tanto en 2015 coma en 2016. De feito, tamén deu traslado desta demanda á propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez”, explicou Cores Tourís.

Deste xeito, “dáselle resposta a unha demanda importante en canto a seguridade viaria para os veciños da zona, destinando 64.500 euros dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda a execución dunha senda de 370 metros de lonxitude que se verá complementada tamén cun colector de drenaxe para a recollida e evacuación de augas pluviais”.

Os traballos executaranse ao longo dos próximos dous meses, non sendo necesaria a expropiación de ningunha parcela por levarse a cabo sobre terreos de dominio público. En diferentes puntos levaranse a cabo desmontes de pequena entidade co obxectivo de aumentar a sección libre entre a calzada e as propiedades colindantes, de xeito que a sección da senda teña un tamaño axeitado, entre o metro e os 2,20 metros de ancho. Finalmente, o proxecto contempla tamén a execución dun pequeno muro de formigón que permitirá a contención de terras dunha parcela situada nunha cota superior.

12 de setembro de 2017 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.