publicidade hoxe

Comezan a chegar a Galicia os primeiros beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) que resolve a convocatoria das primeiras Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, iniciativa da Xunta, novidade deste ano, que busca atraer á Galicia a galegos residentes fóra con currículos brillantes.

As bolsas facilitan o retorno e estudos de licenciados galegos residentes no exterior para cursar mestrados ofertados por algunha das tres universidades galegas, e ten ademais o obxectivo de fixar poboación nova na Galicia territorial, xerando emprego en sectores en expansión.

O programa, xestionado por Emigración, conta coa colaboración das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Economía, Emprego e Industria, así como as propias universidades galegas. A idea é atraer cada ano a galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

As e os beneficiarios desta iniciativa pioneira son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e acreditaron un mínimo de dous anos de residencia no exterior. A bolsa ten un importe é de 7000 ou 7650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, e destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. O importe increméntase proporcionalmente no caso de mestrados con maior número de créditos.

Oportunidade demográfica

O secretario xeral da Emigración destaca que, con iniciativas coma esta, “Galicia comprométese coa súa mocidade do exterior, porque tamén sabemos do seu compromiso para achegar coñecemento e experiencias ao avance da nosa terra. O futuro de Galicia, como o seu pasado, pasa polas dúas beiras do Atlántico”. Neste senso, salientou Miranda, “o feito de que sete de cada 10 galegos do exterior naceran xa na diáspora é para Galicia unha excelente oportunidade demográfica e unha vantaxe competitiva”.

14 de setembro de 2017 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.