publicidade hoxe

Comeza o curso escolar con normalidade para arredor de 7.000 escolares en Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, inauguraron esta mañá o curso escolar nos centros de educación infantil e primaria López Ferreiro e Lamas de Abade. No primeiro dos colexios estiveron tamén o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director territorial de Educación da Xunta de Galicia, Xesús Oitavén.

O alcalde destacou a “boa sintonía e o respecto institucional entre as administracións, que queda patente nesta visita conxunta no primeiro día de curso”. Martiño Noriega fixo fincapé no esforzo feito polo Concello durante o verán, “no que investimos 400.000 euros nun plan de mantemento para os centros públicos de Compostela”.

Nesa mesma liña pronunciouse o edil de Educación quen anunciou “o investimento de 200.000 euros máis durante o Nadal, para a construción da pasarela no CEIP das Fontiñas, en colaboración coa Consellería de Educación, e para a construción da sala de usos múltiples no Rodríguez Xixirei de Lavacolla”. Manuel Dios tamén destacou a normalidade no inicio de curso, tamén no servizo de comedores e madrugadores, así como a ausencia de incidencias nesta primeira xornada.

Bolsas de comedor

Ademais do Plan de Mantemento, o Concello fai un importante esforzo en materia de bolsas de comedor escolar, que se triplicaron dende o 2015. Destínanse neste novo curso escolar 360.000 euros, nos que se inclúen as bolsas destinadas a unidades familiares con escaseza de recursos económicos, que se dividen en bolsas de comedor, actividades extraescolares e material escolar; e outro tipo orientadas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

11 de setembro de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.