publicidade hoxe

Chega a Pazos de Borbén a exposición “De Pontevedra a río 2016”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de BorbénPontevedra
A-
A+

A deputada de Deportes, Chelo Besada, acompañada polo alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, inaugurará este mércores 13 de setembro, ás 13:00 horas, a exposición fotográfica “De Pontevedra a Río 2016”, organizada pola Deputación de Pontevedra, nun acto que terá lugar no vestíbulo da Casa do Concello de Pazos de Borbén. Esta iniciativa, réndelle homenaxe aos e ás deportistas olímpicos e olímpicas, por unha banda, e paralímpicos e paralímpicas, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos en Río de Xaneiro. A mostra estará aberta ata o vindeiro 22 de setembro e poderase visitar no propio vestíbulo da Casa do Concello de luns a venres de 8:30 ás 14:00 horas.

A exposición, que comezou no Pazo provincial en Pontevedra o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas, O Rosal, Cangas, Gondomar, Meaño, Oia, Mondariz, Poio, Valga ou A Guarda, e ao longo deste ano ten previsto estar á disposición do público en varias localidades da provincia.

“De Pontevedra a Río 2016” recolle o palmarés dos e das 16 deportistas que participaron nos Xogos nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de “Río 2016” son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

12 de setembro de 2017 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.