publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta suma en Rozas uns 11 millóns en licitacións para mellorar os servizos públicos a través da innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada esquerda
A-
A+
Xornada sobre as licitacións abertas na fase de solucións do polo de Rozas. Foto: X. Crespo

Xornada sobre as licitacións abertas na fase de solucións do polo de Rozas. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, interviron hoxe nunha xornada sobre as licitacións abertas na fase de solucións do polo de Rozas, que suman preto de 11 millóns de euros e que permitirán mellorar a prestación de servizos públicos desenvolvendo tecnoloxías que empreguen vehículos aéreos e barcos non tripulados.

Tal e como destacou na súa intervención o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o obxecto das cinco licitacións da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que hoxe se presentaron e ás que se destinan 7,2 millóns de euros, é resultado dun intenso proceso de consultas e de participación público-privada no que interviron máis de 200 empresas galegas de perfil innovador.

En concreto, estes contratos permitirán, entre outras aplicacións, realizar unha mellor xestión do Catastro en Galicia; identificar usos do solo; mellorar a xestión de diferentes infraestruturas; optimizar a xestión da auga e das mareas vermellas nas zonas de marisqueo; ou incrementar a seguridade da frota pesqueira. A previsión é que no mes de outubro se sumen a estas licitacións dúas máis centradas na xestión e control forestal e a seguridade aérea, cun investimento de 6,7 millóns de euros. Así, prevese que no primeiro semestre de 2020 estean entregadas e aprobadas as solucións seleccionadas neste primeiro paquete de licitacións.

A estas cinco licitacións, abertas á presentación de propostas, hai que sumar as tres xa publicadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vinculadas a un sector tan importante para Galicia como o agrario, e centradas no control automatizado e intelixente da actividade agraria asociada ás axudas da política agraria común (PAC); nunha plataforma para procesar a información das parcelas agrarias galegas; e nun sistema de xestión de información xeorreferenciada para o control da actividade agraria en Galicia. Así, pódese falar de preto de 11 millóns de euros en licitacións xa publicadas, o que, tal e como salientou Conde, demostra o nivel de implicación das Administracións no campo dos avións non tripulados para uso civil.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que destacou a determinante implicación das consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Mar, apuntou que a colaboración é un factor determinante e indispensable do polo tecnolóxico e industrial de Rozas, que no seu conxunto está a mobilizar 150 millóns de euros. Así, lembrou que o comezo estivo marcado polo acordo do INTA, que permitiu a consolidación do aeródromo de Rozas como sede do Centro de Investigacións Aerotransportadas (CIAR), logo do cal se iniciou a busca de socios estratéxicos para o programa de I+D+i, Indra e Babcock.

Conde subliñou que o papel dos socios industriais neste proxecto é fundamental porque supón unha inxección de capital na innovación galega moi relevante, o cal axuda a fixar tecido industrial. Polo de agora, xunto con 15 empresas galegas, coas que teñen contratos por valor de 12 millóns de euros, están a desenvolver 20 proxectos para construír dúas plataformas aéreas e unha mariña, o que ten permitido xa a creación de 120 postos de traballo.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou a colaboración do Instituto de Estudo do Territorio (IET) con GAIN, en concreto, no que se refire ao relacionado coa xestión eficiente do territorio e dos recursos terrestres. Deste xeito, a titular de Medio Ambiente asegurou que “desde este departamento sumámonos a este reto tecnolóxico común da Xunta, que favorecerá o desenvolvemento dun polo industrial e de traballo á vez que dotará á Administración e a todos os galegos dun aluvión de información fundamental para planificar e protexer a nosa terra”.

Beatriz Mato indicou que o IET está a dar apoio técnico para o deseño dos requirimentos de tres licitacións cuxo denominador común é o desenvolvemento de ferramentas para a elaboración de información cartográfica e xeográfica a partir dos datos capturados polos UAVs, que serán de aplicación na elaboración e avaliación de planificación urbanística e instrumentos de ordenación do territorio, legalidade urbanística, procesos de reestruturación da propiedade, planificación de infraestruturas agrarias, do transporte público, hidrolóxica e o inventario e catalogación de bens culturais, entre outros.

En definitiva, dixo Mato Otero “o obxectivo non é só obter cartografía detallada e actualizada sobre a ocupación do solo, senón tamén poder analizar facilmente a súa evolución, calcular estatísticas e analizar as tendencias de cambio no uso do solo, ademais doutras funcionalidades destinadas á análise do patrón espacial do solo urbano e da súa evolución no tempo, a identificación de terras en situación de infrautilización ou abandono, a avaliación da aptitude agraria do solo, a análise do planeamento urbano ou a xestión de espazos naturais”.

Estas licitacións, en colaboración do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, desenvólvense mediante o sistema de Compra Pública Innovadora, unha ferramenta a través da cal, tal e como explicou Conde, son as propias administracións as que atraen esa innovación cara aos servizos públicos esenciais, buscando a implicación das empresas. Así, agárdase que estas licitacións abran novas oportunidades de negocio para as pemes innovadoras galegas, con talento creativo e talento colaborativo, que queiran posicionarse nun sector con moitas expectativas de crecemento.

11 de setembro de 2017 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.