publicidade hoxe

A Xunta promove o contacto da mocidade galega co mundo laboral grazas ao programa “Deseñando o teu futuro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuxía
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañou hoxe aos participantes no proxecto promovido pola agrupación dos concellos de Muxía, Camariñas, Mazaricos e Vimianzo no marco do programa Deseñando o teu futuro nunha visita ao Hotel Restaurante A de Loló, establecemento hoteleiro que está a colaborar no proxecto.

O proxecto, que conta cun orzamento de 2.040 euros, permitiu que 15 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos se achegaran á realidade do ámbito laboral con estancias visitas en diversos proxectos empresariais da Costa da Morte.

A iniciativa contou coa colaboración do IES Ramón Caamaño (Muxía), a Federación de Empresarios da Costa da Morte (FECOM), a Asociación Neira Marcos de salto no marco (Vimianzo) e a Asociación de Empresarios de Camariñas. As estancias visitas, que hoxe chegan á súa fin, tiveron unha duración de seis días, cunha xornada diaria de cinco horas e cincuenta minutos, durante as que coñeceron varios proxectos empresariais dos sectores do comercio e administración pública pero fundamentalmente do sector hosteleiro. Así coñeceron de primeira man os proxectos empresariais Kerubín (Camariñas), Distribucións Vilán, S.L. (Camariñas), Instalacións eléctricas Mouzo (Muxía), o funcionamento da administración local e da man da Asociación de Hostelería de Muxía coñeceron varios proxectos deste sector, como o Albergue monasteiro de Moraime ou o Hotel Restaurante de encanto A de Loló.

Cecilia Vázquez sinalou que “este proxecto promovido pola agrupación de catro concellos da Costa da Morte é un exemplo de unión de esforzos entre administracións que ao tempo que os mozos e mozas participantes adquiren coñecementos e habilidades para o seu desenvolvemento persoal e profesional, promove o coñecemento e valorización dos recursos e potencialidades que ofrece o territorio”. “Impulsa a relación e integración da xuventude na realidade económica da Costa da Morte, reforzando o coñecemento do marco local de vida dos mozos”, engadiu.

O programa Deseñando o teu futuro é unha iniciativa de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación da mocidade galega ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estancias – visitas en distintos sectores das empresas.

A responsable do departamento autonómico sinalou que “coa participación no programa Deseñando o teu futuro o mozo e moza reforza a súa autoestima, empodérao e motívao para avanzar no seu itinerario, persoal e profesional”. Así mesmo, “ofrécelle alternativas para aprender a aprender, fomenta o seu autocoñecemento e impúlsao a continuar a súa formación e actualización de competencias” engadiu Cecilia Vázquez.

As estadías visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de 15 días hábiles e se establece unha xornada mínima diaria de catro horas. o número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 15.

A cantidade subvencionable a cada entidade e concello ou agrupación de concellos se calcula a razón de seis euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.

No marco deste programa no 2017 se financian 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitarán que un total de 358 mozos e mozas realicen estadías visitas en empresas.

14 de setembro de 2017 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.