publicidade hoxe

A Xunta ofrece unha solución técnica para as instalacións que a empresa Vestas ten no concello de Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaViveiro
A-
A+

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, vén de remitir ao Concello de Viveiro unha proposta técnica que serviría como solución á problemática da situación da empresa Vestas en relación coa súa afectación pola estrada autonómica LU-161.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a medida promovida polo departamento que dirixe Ethel Vázquez busca remover un dos obstáculos cos que se atopa esta empresa á hora de legalizar a súa situación urbanística, xa que logo unha parte das instalacións da fábrica invaden o espazo reservado e no que non se poden realizar construcións, ampliacións e calquera tipo de obra nova.

Redución extraordinaria da liña límite de edificación

A fórmula legal escollida implica a tramitación dun procedemento denominado de redución extraordinaria da liña límite de edificación, previsto na Lei 8/2013, de Estradas de Galicia, e que a propia empresa solicitou en xuño de 2017, logo do asesoramento do departamento autonómico de infraestruturas.

A zona límite de edificación reduciríase ata aos 9,5 metros no conxunto do ámbito, e aplicaríase unha distancia aínda máis reducida –de 4 metros- no caso das edificacións preexistentes que se atopan nesa zona, incluída a propia factoría da Vestas.

Precisa a conformidade do Concello de Viveiro

A normativa establece que a redución da zona de afectación da estrada autonómica debe ser compatible co desenvolvemento do planeamento urbanístico que se aplica no ámbito onde está situada a empresa. De aí que sexa necesaria a consulta ao Concello de Viveiro para que formule as observacións que estime acaídas.

Unha vez que o Concello dea a súa conformidade á proposta de ordenación feita pola administración autonómica, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciaría a tramitación formal do expediente.

Balseiro di que a Xunta tomou a iniciativa co obxecto de desbloquear unha situación que se estaba prolongando no tempo, e vista a falta de iniciativas nesa dirección. A solución contribúe a garantir a continuidade e futuro dunha das empresas máis importantes da zona, tanto polo número de empregos que xera como pola actividade económica a ela aparellada.

6 de setembro de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.