publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inviste máis de 577.000 euros en obras de mantemento e mellora nos centros educativos de Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCedeira
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste case 28,7 millóns de euros en 617 obras nos centros de ensino de 180 concellos galegos, máis da metade do total de municipios. Estes datos foron difundidos hoxe polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, aproveitando a visita que cursou ao IES Punta Candieira, no Concello de Cedeira.

Rodeiro sinalou que na comarca de Ferrolterra a Xunta de Galicia programou un total de 30 actuacións en outros tantos centros educativos, cun investimento para este curso que supera os 577.000 euros. Catro de estas intervencións superan os 50.000 euros. En concreto, está previsto destinar 92.000 euros á ampliación para dúas aulas e reparacións da cuberta e outros elementos no CPI de Atios de Valdoviño; 61.000 euros á reforma da cuberta da cociña do IES Fraga do Eume de Pontedeume; máis de 52.000 euros para reformar a cuberta do CEIP O Ramo de Fene; e algo máis de 50.000 euros para a instalación dun ascensor e un baño adaptado no CEIP Manuel Masdías en Ferrol.

O delegado territorial lembrou que “A Coruña é a provincia na que máis obras se desenvolven, 251, cun investimento de preto de cinco millóns de euros”, ademais de grandes actuacións, entre as que destaca a construción dun novo CEIP en Culleredo, preto da Coruña, actualmente en fase de execución, ou o novo pavillón do CEIP Felipe de Castro en Noia.

As partidas destinadas a estas obras teñen como orixe tres fondos diferentes. Por unha banda os orzamentos que a Consellería destina cada ano á partida de reforma, ampliación e mellora (RAM); por outra o cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e, finalmente, os 5 millóns de euros procedentes da contía que o Goberno Central asignou a Galicia a través da Lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social. A isto súmanse os orzamentos que o departamento educativo da Xunta de Galicia xa tiña previstos para dar continuidade a outras grandes actuacións.

No referido ás 609 obras programadas para a súa execución no ano 2017, correspondentes aos devanditos 14,9 millóns, máis do 88 % están adxudicadas, o que supón que nelas traballaron ou traballan 2000 traballadores de 264 empresas. O volume de compra a provedores derivado desta actividade neste trimestre estímase en máis de 3,2 millóns de euros.

No caso do o IES Punta Candieira de Cedeira, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acometeu un investimento de 21.000 euros, dos que 6000 corresponden á programación prevista para este curso, destinados á reforma da antiga vivenda do conserxe para adecuala a usos educativos. De feito, a aula de usos múltiples habilitada leva o nome de Constantino Sánchez Puga, auxiliar do centro ata a súa xubilación. Con esta actuación, a Xunta mellora as condicións dos alumnos que cursan os seus estudos neste centro. Mañá comeza o curso no Punta Candieira 342 alumnos: 238 da ESO, 75 de Bacharelato, 22 de Bacharelato para adultos e sete de Secundaria para adultos. O centro tamén imparte ciclos de Formación Profesional que se incorporarán nos vindeiros días.

Ovidio Rodeiro fixo énfase no “importante esforzo económico realizado para desenvolver estas obras é froito do compromiso da Xunta de Galicia co confort e benestar da comunidade educativa galega”, renovando progresivamente as instalacións educativas existentes. “Ao mesmo tempo –dixo o delegado-, estase a dar resposta ás necesidades de incremento de prazas de escolarización nos municipios con máis demanda a través de obras de ampliación e mesmo da construción de novos centros”.

14 de setembro de 2017 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.