publicidade hoxe

A Xunta fomenta o contacto da mocidade co sector empresarial no programa ‘Deseñando o teu futuro’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVimianzo
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe co grupo de mozos e mozas que están a participar no proxecto promovido pola Asociación EFA Fonteboa no marco do programa Deseñando o teu futuro. Así mesmo, realizou unha visita a Productos Cárnicos Domínguez, unha das empresas que acolle a mozos participantes nesta iniciativa.

Deseñando o teu futuro é unha experiencia piloto de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación da mocidade galega ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estancias – visitas en distintos sectores das empresas.

O proxecto conta coa colaboración da Federación de empresarios Costa da Morte (FECOM), a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, a Federación EFA Galicia e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER). Os 15 participantes están a realizar desde o 21 de agosto as súas estancias visitas de 15 días de duración, cunha xornada de seis horas diarias, en empresas de diversos sectores: industria alimentaria, mecánica, comercio, hostalería, construción, animación e tempo libre e gandeiría. Concretamente, as empresas da Costa da Morte na que os mozos e mozas están a desenvolver a súa estancia visita son: Productos Cárnicos Domínguez, S.L; Talleres Os Muiños, S.L; Hardware Galicia, S.L.; Casa Eiroa, S.C; Faustino García Souto; Reset, Rumacru, S.L.; Pinturas Soneira, S.C.; Caludio Casanova; Move Servicios deportivos, S.L.; Serindoc, S.L.; Daniel Viña Crego (Aguavix); Agrocee, S.C., Granxa Segade e Electrodomésticos Paz.

Cecilia Vázquez sinalou que “a través das estancias visitas en empresas que propón Deseñando o teu futuro, os mozos a mozas achéganse ao día a día dun traballo, aos profesionais que o realizan e aos aspectos máis positivos e negativos que ten calquera posto de traballo, deste xeito coñecen a realidade dunha profesión”. “Trátase dunha ferramenta para que os mozos e mozas adquiran coñecementos e habilidades que axudan a completar o seu desenvolvemento persoal e futura formación académica e profesional” engadiu a directora xeral.

A titular do departamento autonómico sinalou que no marco deste programa no 2017 fináncianse 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitarán que un total de 358 mozos e mozas realicen estadías visitas en empresas. Estas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de 15 días hábiles e establécese unha xornada mínima diaria de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 15.

A cantidade subvencionable a cada entidade e concello ou agrupación de concellos se calcula a razón de seis euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.

7 de setembro de 2017 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.