publicidade hoxe

A Xunta entrega remolques para servizos de emerxencias aos concellos de Chantada, Monforte, Ourol, Portomarín e Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLocal PortadaLugoMonforte de LemosOurolPortomarínSarria
A-
A+

A Xunta de Galicia entregará remolques para a atención de emerxencias aos concellos de Chantada, Monforte de Lemos, Ourol, Portomarín e Sarria. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a entrega farase efectiva nas vindeiras semanas e servirá para reforzar os medios cos que contan as agrupacións de voluntarios de Protección Civil destes municipios.

Neste sentido, Balseiro destacou “o esforzo extraordinario” que está a realizar a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na mellora dos medios materiais das Agrupacións de Protección Civil, “o que permitirá mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións nas emerxencias”.

Así, engadiu, a consellería tamén adxudicou axudas por importe de 11.000 euros aos citados concellos -unha media de 2.200 euros para cada un- para que poidan mercar o material que consideren necesario para as intervencións da agrupación.

Na mesma liña, a Xunta aposta decididamente pola formación dos voluntarios a través dunha oferta de cursos descentralizada que corre a cargo da Academia Galega de Seguridade Pública,. No primeiro semestre do ano organizáronse na provincia oito actividades formativas que sumaron en total 160 prazas.

Este bloque de medidas, afirmou Balseiro, “posibilita unha maior capacidade de resposta da rede de Protección Civil ante riscos e emerxencias derivados dos diferentes sinistros, para garantir a seguridade de persoas e bens”.

Características dos vehículos

Os remolques para atención ás emerxencias teñen características especiais que os fan idóneos para as intervencións, principalmente en temporais ou inundacións, xa que están equipados con electro bomba somerxible, motobomba para augas residuais, xerador de electricidade portátil de gasolina, motoserra, rozadora manual, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización. Ademais, ao ser de dimensións reducidas, poden desprazarse a calquera zona mesmo por pistas estreitas.

21 de setembro de 2017 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.