publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destina 100.000 euros á contratación de catro orientadores laborais na comarca do Salnés

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou hoxe que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 100.000 euros á contratación de catro orientadores laborais en concellos da comarca do Salnés, en concreto, en Cambados, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e O Grove.

En Galicia serán 103 as persoas contratadas para ofrecer este servizo por 93 entidades locais beneficiarias, cun total de 2,4 millóns de euros adxudicados. Na provincia de Pontevedra serán 20 os concellos beneficiarios que contratarán a 21 orientadores, cunha axuda global de 503.277 euros.

Tal e como explicou Cores Tourís, “a orientación é unha peza clave das políticas da Xunta e, polo tanto, un dos retos fundamentais da Axenda 20 para o Emprego, coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade”.

Os orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas. “Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria garante o mantemento deste servizo destinado a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Galicia”, engadiu o delegado territorial quen destacou que “se trata dun instrumento para promover, en definitiva, a configuración dunha rede especializada de técnicos encargados da mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas”.

Os técnicos encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.
O máis de 100 orientadores que contratarán as entidades locais sumaranse como persoal especializado aos técnicos que traballan nas oficinas de emprego do Servizo Público de Galicia.

Co financiamento destas accións en materia de orientación, a Consellería busca facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas. De feito é unha das medidas incluídas nas políticas activas de emprego deste departamento.

Tamén se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta pretende, ademais, potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

22 de setembro de 2017 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.