publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta convoca aos propietarios dos terreos onde se construirán dúas sendas na comarca de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal Portada
A-
A+

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, convoca para o vindeiro 25 de setembro aos titulares dos terreos nos que se va a executar unha senda peonil e ciclista na estrada Santiago-Noia (AC-543), no treito entre Gundín e a urbanización Monte Devesa, en Aldea Buio, no Concello de Brión, para o inicio dos pagos dos depósitos previos.

Para este proxecto levaranse a cabo as expropiacións das 11 fincas necesarias para a execución deste itinerario, que permitirá comunicar Aldea Buio con Gundín. A súa base técnica é o proxecto de construción redactado polo Goberno galego, que conta cun orzamento de licitación que supera os 253.000 euros, cofinanciados con Fondos FEDER 14/20.

As obras, que se iniciarán nos primeiros días de outubro, centraranse na execución dunha senda de 710 metros de lonxitude na marxe dereita da estrada AC-543, que conectará as beirarrúas de Aldea Buio (Pq. 10+160), nas proximidades da glorieta co acceso á urbanización Monte Devesa, coas existentes en Aldea Gundín (Pq. 10+870).

A sección tipo ten un ancho de 3,15 metros e consta dunha senda de 1,8 metros de ancho separada da calzada por unha zona axardinada de 0,9 metros máis os bordos de separación.

Como obras complementarias construiranse dous muros de contención, de 215 e 35 metros respectivamente e instalaranse unha rede para canalización das augas de drenaxe e tubaxes en previsión de futuras canalizacións de telefonía ou electricidade.

Coa execución por parte da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da senda existirá un itinerario peonil continuo nesta estrada dende Gundín ata Bertamiráns, pasando por Os Ánxeles; que se completará ademais ata Santiago de Compostela mediante as sendas entre Laraño e Aldea Nova que se están a desenvolver.

Estrada AC-960

Así mesmo, na estrada AC-960, a AXI desenvolverá outra senda desde A Susana ata Eirexe e os seus veciños están citados para o pago dos depósitos previos das fincas situadas no Concello de Santiago, que se realizará o día 25 de setembro e 2 de outubro, para as pertencentes ao Concello de Boqueixón.

Esta senda, que se iniciará a principios do mes de outubro na estrada AC-960, concretamente no Conexión A Susana e Polígono Industrial-A Eirexe, nos puntos quilométricos 0+000 e 0+810 e entre os Pp.qq. 1+170 e 2+250. Esta actuación conta cun orzamento de máis de 420.000 e un prazo de execución de 6 meses.

Plan de Sendas en Santiago

Ambos itinerarios están enmarcado na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, concretamente na comarca de Santiago, na que a Xunta executará uns 15 quilómetros de sendas, cun orzamento de case 3,7 millóns de euros.

Na mesma estrada da AC-543 na que se executará a senda de Brión estase a traballar na execución dun itinerario peonil de case dous quilómetros entre Vidán e Laraño, en Santiago de Compostela.

Na mesma vía executaranse, ademais, outros dous treitos de senda que permitirán completar o itinerario para peóns e ciclistas dende Laraño ata Aldea Nova (Barcia-Roxos e Roxos-Aldea Nova).

A Axencia Galega de Infraestruturas vén de rematar tamén case seis quilómetros de senda na AC-240, no Concello de Touro.

Outras das sendas na Comarca compostelá e o itinerario para fomento da mobilidade sostible na AC-841, no Concello de Teo dende o consultorio local de Pontevea ata a zona norte desta localidade.

12 de setembro de 2017 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.