publicidade hoxe

A Xunta construirá os camiños secundarios da área de reestruturación parcelaria de Frexulfe nas vindeiras semanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Valadouro
A-
A+

A Consellería do Medio Rural completará nas vindeiras semanas a execución da rede de camiños secundarios na área de reestruturación parcelaria de Frexulfe, no municipio do Valadouro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro cos representantes dos veciños e veciñas, aos que manifestou que se retomarán nos próximos días os traballos nos tramos que restan, unha vez recibidos todos os permisos correspondentes.

A concentración beneficia a 180 propietarios e desprégase sobre 118 hectáreas de superficie. Foi preciso construír unha rede de camiños de máis de 8 quilómetros de extensión, estando a rede principal -na que se investiron preto de 392.000 euros- totalmente rematada.

Nesta última fase, a consellería destina 51.400 euros á construción dos camiños secundarios, traballos cos que remata un proceso de reestruturación parcelaria no que leva investidos 550.900 euros.

Antes de propoñer a reestruturación coexistían nesta área 959 parcelas cunha superficie media de 1.226 metros cadrados, e cando finalice resultarán 312 fincas cunha superficie media de 3.585 metros cadrados. Logo de habilitar os camiños secundarios, tan só quedará completar a tramitación administrativa e redactar os títulos de propiedade para a súa entrega.

Balseiro destacou a importancia destes procesos reorganizativos posto que redundan nun mellor aproveitamento das terras. No caso de Frexulfe, lembrou que “se reduce practicamente á terceira parte o número de fincas pero estas triplican a súa extensión, co que serán máis doadas de traballar, máis produtivas e máis rendibles para os seus propietarios, xa que permiten abaratar os custos”.

“A reestruturación parcelaria -sinalou o delegado- é fundamental para que o rural galego sexa unha opción de futuro e resulte atractivo para unha mocidade que quere desenvolver proxectos ambiciosos relacionados co sector agrario, gandeiro ou forestal”.

21 de setembro de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.