publicidade hoxe

A Xunta celebra unha reunión de coordinación para garantir a correcta posta en marcha do transporte escolar de uso compartido na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

Ourense é a provincia galega onde é maior a integración do transporte escolar nas liñas de uso xeral, prevista no Plan de transporte público de Galicia. Co obxectivo de ultimar o operativo especial para garantir nesta provincia o correcto funcionamento do transporte escolar de uso compartido a partir do inicio do curso, o próximo día 11 de setembro, hoxe celebrouse na Delegación Territorial da Xunta en Ourense unha reunión de coordinación.

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, o director xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ignacio Maestro, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, participaron neste encontro de traballo xunto con técnicos de ambos os departamentos e responsables das empresas de transporte adxudicatarias do servizo.

Esta nova modalidade implantarase en máis da metade das rutas escolares da provincia, concretamente en 273 das 482 existentes, que manterán intactas as paradas, os percorridos e os horarios do alumnado. Así, segundo a delegada territorial, os escolares teñen blindada a atención das súas necesidades e, mesmo, mellorado o servizo ao ter acompañante garantido en todas as rutas de transporte compartido.

Esta modalidade tamén favorecerá a mobilidade dos veciños do rural, xa que ao aproveitar o uso das prazas vacantes dos autobuses escolares posibilítase que a poboación rural, a xente maior, vexa multiplicadas as súas opcións de desprazamento.

Con este servizo os veciños do rural veranse beneficiados de todas as garantías que ofrece o transporte escolar, a través de autobuses máis novos, cintos de seguridade, maior intensidade de inspeccións e unha redución significativa nas tarifas, que para estes casos de curto percorrido teñen unha tarifa única de 1,40 euros.

Na reunión coordináronse actuacións que se van desenvolver, como o reforzo de información aos centros educativos, a celebración de xuntanzas específicas co persoal dos centros e coas asociacións de pais e nais de alumnos para informalos de todo o proceso de implantación, a distribución das instrucións para os acompañantes, as reunións coas empresas e a intensificación das inspeccións no servizos de transporte escolar. Tamén se abordou a introdución de elementos identificativos nos autobuses, para que todos os usuarios poidan recoñecer, nunha simple ollada, que se trata dun servizo de uso compartido.

1 de setembro de 2017 | 14:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.