publicidade hoxe

A Xunta autoriza a contratación de 104 perceptores da Risga na área territorial de Vigo por 900.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia na súa aposta por acadar a plena integración dos colectivos máis vulnerables vén de completar as ordes que autorizan ás entidades locais a contratación de persoas sen recursos económicos. O reforzo das políticas de emprego conta con varias liñas de actuación recollidas na “Axenda 20”, coas que o Executivo busca fomentar a integración e calidade no traballo dos colectivos en situación ou risco de exclusión social. Neste marco, o Goberno galego destina preto de 900.000 euros á contratación de 104 perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) na área territorial de Vigo.

Concretamente atendéronse un total de 13 solicitudes, resultando beneficiarios os concellos de Mos, Redondela, Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén, Salvaterra do Miñoñ, Salceda de Caselas, Cangas, Baiona, Gondomar, Moaña, Nigrán, O Porriño e a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. O programa recolle que o período de contratación subvencionable é de sete meses e a utilidade deberá consistir na realización de obras ou servizos de interese xeral e de utilidade social, competencia das entidades locais.

“Combinamos inserción laboral e política social cunha liña de axudas que completa ás prestacións da Risga e que teñen por obxecto atender as necesidades máis inmediatas das familias con menos recursos económicos”, indicou hoxe o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, durante a presentación das resolucións. Segundo dixo, atendéronse todas as peticións dos concellos da área, a excepción da solicitude de Vigo. Neste senso, explicou que a cidade, con máis de 700 perceptores da Risga, tiña dereito a 40 contratacións que o concello perdeu ao incumprir as condicións da orde.

O representante do Goberno galego lamentou “a falla de implicación” do Concello de Vigo en materia de política social, por canto non tramitou en forma a solicitude. Preguntado ao respecto, explicou que a primeira solicitude vén asinada pola secretaria da xunta de goberno local en lugar do secretario do pleno. Tampouco se axuntan as táboas salariais, como o esixen os requisitos desta orde.

Máis aló de chamar a atención sobre que o concello vigués solicitará a contratación de 20 persoas en lugar de esgotar o tope das 40 que lle corresponderían, o delegado da Xunta en Vigo amosou a súa sorpresa pola “pouca dilixencia do concello na solicitude destas axudas”. Deste modo, tras un segundo requirimento, López-Chaves incidiu novamente en varios defectos de forma. Entre eles que o número do expediente non coincide co primeiro remitido pola administración viguesa nin co requirido pola Xunta e especificado na orde da subvención; a petición de 20 contratacións cando están certificando 28 e a modificación da utilidade. Ao respecto deste último punto, mudan a denominación do proxecto de obras e servizos para a “mellora de zonas verdes urbanas e beirarrúas no barrio de Navia” por unha máis xenérica de “mellora das zonas públicas”.

López-Chaves, quen recordou que Vigo é a cidade de Galicia que máis tarda en tramitar as solicitudes da Risga disparando a media, afirmou que a política social viguesa é a “Cenicienta” das políticas sociais. “A pesar da insistencia da Xunta, o Concello de Vigo non foi quen de tramitar a solicitude en tempo e forma”, incidiu, ao tempo que remachou que este deixamento evidencia a “falla de interese” do goberno local neste eido. “Outros concellos da área con menos recursos de orzamento e persoal fixérono ben, entón non debe ser tan difícil”, ironizou. Ao fío, o delegado territorial lamentou que os maiores prexudicados sexan os veciños de Vigo e pediulle ao alcalde “un compromiso real do concello neste eido”.

21 de setembro de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.