publicidade hoxe

A Xunta aposta polo programa ‘Deseñando o teu futuro’ como vía para que a mocidade coñeza o mundo laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, coñeceu de primeira man os proxectos de varias empresas locais que están a acoller a mozos e mozas participantes no proxecto promovido pola Asociación Centro Xuvenil Don Bosco no marco do programa Deseñando o teu futuro.

O proxecto, cun orzamento de 2.580 euros, permite que 15 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos se acheguen á realidade do ámbito laboral con estancias visitas en distintas empresas sitas no barrio santiagués de San Pedro no que a Asociación Centro Xuvenil Don Bosco ten a súa sede: librería Pedreira, xeadería Xearte, Brigitte, Cosmomedia, Perruquería Crikas, Farmacia Arrojo, Como pez en el agua, Estudo de pilates e fisioterapia Mateo Martínez, Mononke e Perruquería Milenio. As estancias visitas con seis horas diarias teñen unha duración de quince días.

Cecilia Vázquez manifestou que “este proxecto impulsa o coñecemento e a integración da xuventude co comercio local tendo en conta que o tecido empresarial do barrio de San Pedro caracterízase por estar formado por pequenas empresas que abranguen varios sectores” como o da artesanía, comercio, hostalería, servizos, entre outros. Unha parte deste tecido é herdeiro de empresas familiares e outro son pequenas empresas de nova creación, máis vencelladas a nichos económicos dun contexto máis actual. “Neste proxecto destaca o compoñente persoal nos proxectos empresariais que se sumaron a esta iniciativa”, engadiu a titular autonómica

Aos efectos de desenvolvemento deste proxecto, a Asociación Centro Xuvenil Don Bosco conta con convenios de colaboración coa Asociación Veciñal A Xuntanza de Santiago de Compostela, a ANPA do Colexio Apóstolo Santiago e con catro centros de ensino santiagueses: o Colexio Compañía de María, o Colexio La Salle, o Colexio San Francisco Javier e o Colexio Plurilingüe Vilas Alborada.

O programa Deseñando o teu futuro é unha iniciativa piloto de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación dos mozos e mozas galegos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estancias – visitas en distintos sectores das empresas.

A titular do departamento autonómico sinalou que “o programa Deseñando o teu futuro ofrécelle á mocidade ferramentas para o desenvolvemento das súas capacidades e ampliación das súas oportunidades”. Así mesmo, asegurou que “a participación nesta iniciativa supón camiñar cara maiores niveis de autonomía dos rapaces e rapazas, entendendo como tal a capacidade de dirixir por si mesmos os seus propios procesos persoais”, engadiu.

No marco deste programa no 2017 se financian 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitarán que un total de 358 mozos e mozas realicen estadías visitas en empresas.

As estadías visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e se establece unha xornada mínima diaria de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 15.

A cantidade subvencionable a cada entidade e concello ou agrupación de concellos se calcula a razón de seis euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.

20 de setembro de 2017 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.