publicidade hoxe

A Xunta apoia con 120.000 euros a 62 agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Ovidio Rodeiro na reunión con responsables de Protección Civil

Ovidio Rodeiro na reunión con responsables de Protección Civil

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, vén de dar a coñecer a resolución pola que se conceden preto de 120.000 euros en axudas ás agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupación de concellos. Son, en total, 62 agrupacións adscritas a outros tantos concellos da provincia.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe un encontro cos representantes da asociación provincial de voluntarios de protección civil para informarlles da concesión das axudas e tomarlle o pulso ás diferentes agrupacións que traballan na provincia. Rodeiro destacou o labor solidario que levan a cabo as agrupacións de voluntarios e explicou que “o colectivo da Protección Civil en Galicia é un dos piares fundamentais no eido das emerxencias”, en tanto complementan e reforzan a rede profesional de xestión e atención “e contribúen co seu esforzo desinteresado a ofrecer o mellor servizo aos cidadáns dende os concellos”.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza apoia o seu labor a través de distintas iniciativas, como a formación, o equipamento e as axudas económicas. O delegado lembrou tamén “o esforzo tan importante que está a realizar nesta materia a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), a través de iniciativas como os itinerarios formativos homologados polo Sistema Nacional de Cualificacións para os voluntarios, que permiten obter un certificado de profesionalidade”.

No pasado ano 2016, a Xunta de Galicia destinou preto de 650.000 euros á dotación de material para as agrupacións da provincia da Coruña. Así, entregáronse seis pick ups todoterreo, 13 remolques de emerxencias, seis remolques de salvamento e rescate, 12 embarcacións e 65 equipos de protección individual contra a vespa velutina, complementadas con cinco pértegas adicionais. Nos últimos dous anos o investimento superou os 2,4 millóns de euros.

4 de setembro de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.