publicidade hoxe

A Unidade Mixta de Aimen e GKN avanza na fabricación sustentable de compoñentes de transmisión para automoción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Patricia Argerey na visita á planta de GKN Driveline en Vigo

Patricia Argerey na visita á planta de GKN Driveline en Vigo

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), visitou a planta de GKN Driveline en Vigo para coñecer os avances desenvolvidos pola Unidade Mixta JOINTS 4.0, creada en 2015 pola multinacional GKN Driveline, líder mundial en enxeñaría de tecnoloxías de transmisión para automoción, e o centro tecnolóxico Aimen. Na visita, Patricia Argerey estivo acompañada polo director xeral de GKN Driveline e actual presidente do Clúster da Automoción de Galicia, Juan Antonio Lloves, así como o xerente de Aimen, Jesús Lago.

Esta Unidade Mixta de Investigación, que conta cun orzamento de 2.785.500 euros dos que un 30% proceden de fondos públicos da Xunta de Galicia, ten como obxectivo desenvolver novas tecnoloxías para a fabricación sostible e de alto rendemento de compoñentes de transmisión para a industria da automoción, con aplicación a medio-longo prazo a outros sectores industriais.

Esta aposta permitiralle á planta viguesa afianzar a súa posición de referencia nos procesos de indución e mecanizado, así como aumentar en máis dun 5% a súa produtividade, incrementando a cota de mercado global de GKN Vigo nun 1%.

Argerey sinalou que a consecución deste obxectivo reverterá nun sector máis sólido, con empresas de maior tamaño, maior economía de escala, máis músculo financeiro e máis diversificado. Ademais, permitirá consolidar clientes e manter volume de negocio en España, incrementando investimentos en I+D+i en Galicia. Tamén destacou o impacto que aporta Aimen como elemento dinamizador da capacidade tecnolóxica e innovadora sobre a cadea de valor das empresas asentadas en Galicia.

Balance Unidades Mixtas de Investigación

Con esta, son xa 24 as Unidades Mixtas de Investigación impulsadas pola Xunta de Galicia dende 2014, que están a mobilizar 84 millóns de euros cunha inxección de fondos públicos de 23 millóns. Proximamente, resolverase a cuarta convocatoria que prevé mobilizar 17 millóns de euros e a creación de 60 empregos cualificados.

Destas 24 Unidades, 8 están vencelladas ao sector da automoción, nas que participan empresas como PSA, Grupo Copo, Borgwarner, Viza, GKN Driveline ou MGI Courtier en colaboración cos centros tecnolóxicos CTAG e Aimen. Estas 8 Unidades recibiron 7,3 millóns de euros e están mobilizando 22,4 millóns.

As unidades mixtas de investigación son centros de innovación mixtos, formados por grandes empresas e centros de coñecemento, que teñen como obxectivo dinamizar iniciativas innovadoras de vangarda, impulsar a competitividade do tecido empresarial e xerar empregos cualificados.

18 de setembro de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.