publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Rede de Centros de Estudos Galegos contará con dez novos lectores este curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Valentín García na reunión co profesorado-lector que se incorpora este ano

Valentín García na reunión co profesorado-lector que se incorpora este ano

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia contará desde o curso académico 2017/2018 con dez novos lectores de lingua, literatura e cultura galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, reuniuse esta mañá na sede do seu departamento, no compostelán Pazo de San Roque, co profesorado-lector que inicia a súa actividade nos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Barcelona, Cork (Irlanda), Deusto, Miño (Portugal), Algarve (Portugal), Estremadura, Granada, Madrid e Padua (Italia). Para alén destes, os procesos de selección nas universidades alemais de Heidelberg e Kiel resolveranse nas vindeiras semanas.

Ademais de nestas cidades nas que se asentan as universidades pertencentes á Rede de Centros de Estudos Galegos, en virtude da colaboración asinada hai un ano co Instituto Cervantes, é posible estudar lingua, literatura e cultura galegas na sedes coas que conta esta entidade en Berlín, Lisboa, Roma, Varsovia, Río de Xaneiro e San Paulo.

Proxección exterior do galego

A posibilidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia en Universidades de América e de Europa é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión do galego no exterior, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observaren o interese e o recoñecemento que posúe fóra das fronteiras administrativas de Galicia.

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 35 universidades. 27 delas contan con lectores asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

Así, por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os centros de estudos galegos en funcionamento localízanse en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A súa creación responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

8 de setembro de 2017 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.