publicidade hoxe

A metade dos participantes no Programa integrado de emprego ‘Terras de Iria III’ atópanse traballando na actualidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDodroLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá no acto de clausura do Programa integrado de emprego Terras de Iria III, promovido pola Consellería de Economía Emprego e Industria en colaboración cos concellos de Dodro, Padrón e Rois. Ao acto, celebrado no salón de plenos do Concello de Dodro, acudiron os respectivos alcaldes, Valentín Alfonsín, Antonio Fernández Angueira e Ramón Tojo.

Dos 60 participantes neste programa máis da metade non puideron acudir ao acto de clausura xa que 32 deles están traballando na actualidade, o que dá unha idea de éxito desta iniciativa. Terras de Iria III estivo composto por 60 rapaces menores de 30 anos, a metade con titulación (FP ou estudos universitarios) e os outros 30 sen cualificación, perceptores de prestacións ou parados de longa duración.

Das 32 persoas que están traballando actualmente, 20 se consideran integradas no mercado laboral, pois levan traballados máis de tres meses desde o inicio do programa, en setembro de 2016. A iniciativa contou cun orzamento de preto de 120.000 euros e proporcionou a cada un dos participantes a posibilidade de realizar cinco sesións de orientación laboral, apoiados por un técnico que lles ofreceu recomendacións de cara a procura dun emprego. Así mesmo, cada un deles participou nun mínimo de tres accións formativas en campos tan diversos como o sector do metal (carretilla elevadora, ponte grúa, soldadura, matricería ou prevención de riscos), o sector do comercio (caixeiro ou repoñedor), ou accións transversais coma coaching laboral, ofimática, xornadas de mobilidade internacional, xornadas de empregabilidade, obradoiros de empregabilidade e dinámicas grupais.

Ademais das orientacións laborais e accións formativas os alumnos fixeron prácticas en empresas de carpintería metálica e supermercados, e creáronse bolsas de emprego nas que se implicaron grandes empresas da zona, tanto do sector do metal, como Exlabesa, Cortizo, e diferentes carpinterías metálicas dos arredores; distribuidoras de alimentación como Gadisa e Vegalsa Eroski, ou empresas madeireiras como FINSA. Mediante estas bolsas as empresas realizaron contratación directas de participantes e incorporáronos aos seus cadros de persoal.

Ovidio Rodeiro destacou, na súa intervención, “a importancia da cooperación entre a Xunta e os concellos para acadar o máximo proveito destes programas integrados”, e incidiu en que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos veciños”. O delegado territorial lembrou que “tanto os programas integrados de emprego coma os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta deste Goberno no eido laboral, que recolle unha serie de medidas encamiñadas a impulsar o emprego estable e de calidade, reducir a taxa de paro ata o 10% en 2020, crear entre 80.000 e 100.000 novos empregos e crear ou converter 50.000 contratos en indefinidos”.

“Esta formación de calidade e a oportunidade laboral non serían posibles sen a colaboración entre as administracións públicas”, reiterou Rodeiro, quen rematou a súa intervención felicitando aos participantes e expresando o seu desexo de “que esta experiencia vos axude a seguir medrando tanto na esfera laboral coma na persoal”.

7 de setembro de 2017 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.