publicidade hoxe

A historia do rural galego plasmada na obra Quintela de Mazaira, de Olegario Sotelo Blanco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; e o escritor e editor Olegario Sotelo Blanco, presentaron hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o libro Quintela de Mazaira, do que é autor o propio Sotelo Blanco, unha obra que, segundo destacou Manuel Baltar “converterase nun referente da nosa etnografía literaria”, afirmando que se trata “dun completo estudo etnográfico de Quintela, parroquia de Mazaira, no Concello de Castro Caldelas, unha aldea como moitas outras, sobre a que Olegario Sotelo basea as súas reflexións de neno criado no rural ourensán, un espazo que conecta a persoas e xeracións”.

Nesta obra, o autor aborda a cuestión do medio rural galego desde diferentes perspectivas como a antropolóxica, os oficios, as lendas, e por suposto, a emigración”, dixo Baltar, quen sinalou que Olegario Sotelo “representa moi ben a ese ourensán universal que eu defino con tres características: creativo, traballador e emigrante”.

Sotelo Blanco explicou que a obra “recompila as experiencias dos 18 anos que vivín no mundo rural” e aínda que emigrou, o autor recoñece que sempre estivo en contacto coa súa aldea: “seguín todo o proceso de despoboamento e coa perda de identidade que se vivía”. Ademais, no libro incorpora entrevistas que realizou aos veciños da aldea “para que achegarán tamén a súa experiencia e foran testemuña dese mundo que desaparece”, sinalou Olegario Sotelo, quen dixo que o obxectivo é “trasladar aos lectores esa sensibilidade do mundo rural que está a desaparecer”.

Quintela de Mazaira mostra moitos aspectos que son comúns ás aldeas de Galicia rural das provincias interiores, e ao mesmo tempo, achega as súas propias características específicas, invitando ao lector a reflexionar sobre a dirección que tomaron de cara a globalización.

A alcaldesa de Castro Caldelas agradeceu a Olegario Sotelo “fillo de Caldelas” por “plasmar neste libro o teu cariño pola terra de Caldelas a través das vivencias que rememoran a forma de vida de antes e que nos ensina a ter orgullo do lugar, do pobo”.

21 de setembro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.