publicidade hoxe

A Deputación financia un proxecto para mellorar a accesibilidade e os servizos das praias de Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRianxo
A-
A+

A Deputación da Coruña financiará un proxecto para rehabilitar os accesos e mellorar as dotacións do paseo marítimo e as praias de Rianxo. Este proxecto vén de ser aprobado na Comisión de Cooperación, Turismo e Patrimonio, e será ratificado no próximo pleno da corporación provincial, que se celebrará o vindeiro venres 15 de setembro.

As obras terán un orzamento total de 39.454 euros, dos cales a Deputación aporta o 80% (31.563,54 euros), e incluirán a rehabilitación da ponte peonil que conecta a praia do Pazo e a da Torre, así coma as pasarelas de acceso aos areais.

O treito do paseo marítimo desde a Praia do Pazo ata a Praia da Torre é moi frecuentado tanto polos turistas como polos veciños da zona, dado que neste entorno se concentran os dous areais, o Castelo da Lúa, a desembocadura do Río Te e un parque. A mellora das infraestruturas tamén contribuirá a reforzar estes atractivos turísticos e culturais, posto que nas pasarelas que se rehabilitarán sitúanse varios paneis con información arqueolóxica e turística.

Os traballos de rehabilitación consistirán no decapado das superficies de madeira, que están gastadas polo uso e en gran parte cubertas por unha pátina vexetal, para posteriormente recubrilas cun tratamento específico. Deste modo, protexeranse estas estruturas para que manteñan as condicións de seguridade, sen riscos de desprendemento ou escorregamentos, e mellorarase a accesibilidade ás praias. En total, actuarase en máis de 325 metros cadrados, así coma nas varandas e outros elementos anexos ás pasarelas.

Co obxectivo de complementar os servizos para persoas con mobilidade reducida, tamén se instalarán dous novos aseos no parque situado na zona da antiga conserveira. Esta zona verde xa dispón dun espazo concibido para albergar estas instalacións, polo que conta coas conexións e subministracións necesarias, e se ubica nun lugar idóneo para dar servizo tanto ás praias coma ao paseo marítimo e o parque.

12 de setembro de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.