publicidade hoxe

A Deputación de Lugo súmase á campaña “En negro contra as violencias”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoSantiago de Compostela
A-
A+

A Deputación da Lugo vén de adherirse á campaña En negro contra as violencias, unha iniciativa xurdida en 2015 no Concello de Santiago e á que se sumaron o ano pasado 17 concellos de toda Galicia.

Esta decisión trasladoulla esta mañá a deputada provincial en materia de Igualdade na provincia de Lugo, Sonsoles López, á concelleira de Igualdade en Compostela, Marta Lois. Ambas mantiveron unha xuntanza esta mañá no Pazo de San Marcos, acompañadas por persoal técnico da campaña, a deseñadora da mesma, Uqui Permuy, e representantes dos oito concellos da provincia que se adheriron: Lugo, Ribadeo, Sarria e Vilalba (que xa participaron o ano pasado), e Viveiro, Burela, Becerreá e Rábade.

A Deputación de Lugo colaborará, non só “tinguíndose” de negro, senón tamén en materia de difusión e produción da campaña. A maiores fará un chamamento a todos os concellos da provincia para que se adhiran. Así, son xa dous os entes provinciais que deciden sumarse a esta campaña, despois de que a Deputación da Coruña fixera o propio a comezos do mes de setembro.

Dende o ano 2015

Esta campaña naceu en novembro do 2015 como unha forma de visibilizar a lacra que supón a violencia machista na nosa sociedade. Con esa premisa nacía Compostela en negro, a través da cal máis de 300 comercios se tinguiron de negro na nosa cidade durante a semana do 19 ao 25 de novembro.

Debido ao éxito da campaña -grazas ao interese e á implicación das entidades, comercios e establecementos que participaron- dende o Concello de Santiago tomouse a decisión de ampliar Compostela en negro e estendela a outros concellos de Galicia. Así, en 2016 foron 17 os municipios que se sumaron, localidades das catro provincias galegas e de todas as cores políticas: A Coruña, Allariz, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas.

No caso de Compostela, pasouse de 326 a 500 establecementos e entidades adheridas, entre as que se atoparon entidades deportivas, hoteis, cafeterías… e tamén a propia Catedral de Santiago, que colocou unha gran faixa na zona central.

Compostela en negro pasaba entón a chamarse En negro contra as violencias e un total de 2.737 establecementos e entidades de toda Galicia tinguíronse de negro sumándose á campaña. Para aqueles concellos que non asistiron e queiran recibir máis información ou participar, poden enviar un correo ao enderezo electrónico territoriodasmulleres@santiagodecompostela.gal.

18 de setembro de 2017 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.