publicidade hoxe

A Deputación de Lugo permite en Begonte a reedición dun programa de conciliación laboral e familiar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLugo
A-
A+

O Deputado Provincial pola Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, xunto ao Alcalde de Begonte, José Ulloa Rocha, presentou este martes, na Casa da Cultura do municipio chairego, o Programa Madrugadores. Trátase da iniciativa de conciliación laboral e familiar, que Goberno da Deputación e o Concello levan ao C.E.I.P Virxe do Corpiño, pois permite aos pais e nais deixar aos seus fillos e fillas baixo a atención dun monitor/a dende as oito e media da mañá ata a hora de inicio das clases, ás dez e media. O Executivo Provincial financia esta programación cunha axuda de 4.000 euros.

Vidal Baamonde destacou que “a colaboración que brindamos dende o Goberno Provincial enmarcase na nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, é dicir, a través da que impulsemos o desenvolvemento de iniciativas que contribúan ao benestar dos nosos veciños, especialmente no rural, favorecendo, deste xeito, a igualdade de oportunidades vivas onde vivas. A achega económica que facemos ao Programa Madrugadores permite a súa reedición, feito polo que estamos moi satisfeitos, pois somos conscientes da súa utilidade para as familias”.

O Deputado subliñou que “o pasado curso foron dez nenos e nenas de entre tres e once anos os que se beneficiaron deste programa. O resultado foi moi positivo tanto para os escolares participantes, que levaron a cabo actividades lúdico-formativas supervisadas por unha monitora, como para os pais e nais, posto que ao finalizar o programa cubriron unha enquisa, na que se puxo de manifesto a súa satisfacción co servizo. Por este motivo, prevese que neste curso que comeza se incremente o número de usuarios”.

O programa desenvolverase no colexio público de Educación Infantil e Primaria de Begonte, que conta con 50 alumnos, durante o curso escolar, comezando o vindeiro luns 11 de setembro e rematando no mes de xuño. Os interesados poden informarse e realizar a inscrición no propio centro escolar.

Obxectivos e destinatarios

O obxectivo principal do Programa Madrugadores consiste en responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre horarios escolares e laborais, como medida de conciliación familiar e laboral, garantindo a atención dos nenos e nenas, antes do inicio das clases pola mañá, por persoas debidamente cualificadas que lles ofrezan actividades encamiñadas a fomentar a súa creatividade, autonomía e interese por coñecer e gozar o seu contorno.

Os seus destinatarios/as son alumnos/as de Educación Infantil e de Educación Primaria. Estes nenos/as reciben atención nunha das aulas do centro antes do comezo das clases, en días lectivos por persoal cualificado. Así, os nenos e nenas dedican o tempo a actividades como xogos e talleres educativos, e tamén poden levar o seu almorzo para tomar antes do inicio das clases.

5 de setembro de 2017 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.