publicidade hoxe

A Deputación da Coruña renovará a súa colaboración co Hogar Español de Montevideo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exterior
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe na sede da institución provincial ao presidente do Hogar Español de Montevideo, Ángel Domínguez.
González Formoso comprometeu que a Deputación renovará o seu apoio económico a este centro, que conta con máis de medio século de historia acollendo a persoas maiores en situación de desamparo, continuando así a longa traxectoria de colaboración que une a ambas entidades.

Desde a institución provincial coruñesa, véñense destinando importantes recursos económicos ao Hogar Español de Montevideo, tanto para contribuír aos gastos de funcionamento anuais coma para a creación do centro de día, a adquisición de camas, vehículos e outros equipamentos. Asemade, a Deputación da Coruña colabora con outros fogares galegos coma o de Buenos Aires ou o de Río de Janeiro.

O presidente da Deputación destacou a gran labor que realiza o Hogar Español de Montevídeo, que definiu coma “unha institución de referencia na diáspora galega en Sudamérica”, e interesouse polos servizos que presta na actualidade e as súas necesidades.

Ángel Domínguez explicou que o fogar conta con 180 usuarios, dos cales máis de 130 son galegos e na súa maioría coruñeses, e expuxo as dificultades económicas que atravesa a institución que preside, posto que para poder seguir atendendo a usuarios en desamparo dependen de axudas públicas.

Domínguez destacou que gran parte das persoas do fogar superan os 90 anos, polo que a maioría do seu orzamento destínase a gastos médicos e aos salarios do persoal que atende o centro as 24 horas do día. Entre as axudas que recibe o Hogar Español, destacan as da administración pública de Uruguay e as que reciben desde Galicia, sendo a da Deputación da Coruña a máis importante das entidades locais galegas.

O presidente do Hogar Español tamén invitou ao presidente da Deputación a coñecer as instalacións de Montevideo, tal e como fixeron os presidentes das anteriores corporacións provinciais

21 de setembro de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.