publicidade hoxe

A Consellería de Medio Ambiente destina 14 millóns de euros á ampliación da EDAR de Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Rianxo

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Rianxo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a ampliación da EDAR da localidade cun investimento que ascende aos 14 millóns de euros. Deste xeito, a Xunta avanza no desenvolvemento do Plan de saneamento da ría de Arousa mediante a optimización desta estación depuradora e a creación dunha nova rede de colectores e tanques de tormentas que darán servizo a 23.000 habitantes deste núcleo costeiro situado na marxe dereita da ría.

Así, o convenio de colaboración asinado hoxe permitirá executar as actuacións necesarias para completar o saneamento e depuración deste municipio a través de dúas novas actuacións coas que se pretende dar solución á problemática existente con respecto ao excesivo volume de augas residuais xeradas na rede e a súa carga, especialmente por verteduras das industrias conserveiras.

Deste xeito, os traballos consistirán na construción, en dúas fases, de dúas liñas de tratamento independentes, cos seguintes procesos: cribaxe, desareado-desengraxado, tratamento biolóxico, desinfección por ultravioleta e liña de lodos; e cada unha deseñada para a metade do caudal esperado. Antes da repartición de caudal, realizarase un pretratamento común a todo o caudal esperado.

Á parte dos problemas detectados no sistema de depuración actual do núcleo de Rianxo, o Plan de saneamento local tamén identificou problemas de importancia na rede xeral de Rianxo. Desa análise conclúese que a capacidade do colector interceptor vese na actualidade amplamente superada polo caudal que recibe.

Para solucionar estes problemas, construirase un novo colector interceptor de case 1.400 metros de lonxitude aproximadamente, con diámetros desde 400 mm (en PVC, tramo augas arriba) ata 800 e 1200 mm (en tubo de formigón, na súa chegada ao tanque de tormentas); así como un tanque de tormentas cun volume de retención de 700 m3. A estrutura será enterrada e, de xeito contiguo, construirase un pozo de bombeo que funcionará como impulsión cara á EDAR. O importe de licitación é de 6,3 millóns de euros.

Actuacións realizadas na ría de Arousa

Na ría de Arousa, xunto coa do Burgo, púxose en marcha unha planificación das máis ambiciosas realizadas cunha metodoloxía moi avanzada.

No caso do Plan de saneamento local da ría de Arousa dividiuse en cinco proxectos locais, agrupando os concellos do seguinte xeito: Ribeira e Pobra, Boiro e Rianxo, Vilagarcía e Catoira, Vilanova, Cambados e A Illa; e Meaño, O Grove e Sanxenxo. Desde o 2009, o investimento en concellos situados arredor da ría de Arousa en actuacións rematadas -ou a piques de rematar- ascende a máis de 53 millóns de euros, dos cales a Xunta achegou máis de 45 millóns.

A esta cifra habería que engadir preto de 30 millóns de euros que se destinarán de aquí a 2021 para as infraestruturas pendentes, previstas no Plan hidrolóxico.

21 de setembro de 2017 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.