publicidade hoxe

A Consellería de Medio Ambiente acorda o inicio do expediente sancionador a Albada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio acordou iniciar o expediente sancionador a Albada, logo de comprobar, mediante unha inspección técnica, que os vasos 2 e 3 do vertedoiro de Nostián non foron selados nin se comezaron as obras necesarias para o seu precinto.

Cómpre lembrar que a entidade dispoñía dun prazo dun ano para proceder ao selado do vertedoiro, que rematou o pasado 30 de xuño de 2017. Unha vez vencido este período de tempo, os técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio realizaron unha inspección no terreo e comprobaron que os vasos 2 e 3 nin estaban selados nin tampouco se iniciaran os traballos necesarios para facer efectivo o precinto.

Deste xeito, o departamento autonómico decidiu iniciar o procedemento sancionador, xa que o incumprimento das condicións establecidas na Autorización Ambiental Integrada, sen que se producira dano ou deterioro grave para o entorno, está considerada, segundo indica a normativa vixente, unha infracción grave.

A comisión deste tipo de infraccións poderá dar lugar á imposición dunha sanción grave. A partir deste momento, ábrese un período de 10 días para dar audiencia aos interesados, mentres que a Administración autonómica dispón dun prazo de seis meses para a resolución deste expediente. Será dentro do procedemento que agora comeza, dentro do trámite, cando se estableza o importe exacto da sanción.

4 de setembro de 2017 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.