publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Educación iniciará nos vindeiros días as obras de rehabilitación integral de dous colexios en Cospeito e Guitiriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoGuitirizLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciará nos vindeiros días as obras de rehabilitación integral do CPI Virxe do Monte de Cospeito e do CEIP Lagostelle de Guitiriz. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que ambos proxectos foron adxudicados en preto de 1 millón de euros, en concreto 995.752.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os datos da adxudicación e formalización de ambos contratos, que tivo lugar o 7 de setembro. Segundo explicou Balseiro, xa se teñen dado os pasos necesarios para o inicio efectivo dos traballos e o pasado martes asináronse as actas de replanteo en ambos centros.

O delegado afirmou que estes proxectos supoñen unha reforma ambiciosa das instalacións, que reportará maior confortabilidade aos usuarios e un aforro considerable nos custes de mantemento.

As actuacións afectarán ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos. Unha das principais intervencións consistirá en instalar un sistema de illamento térmico na fachada e en todos os paramentos exteriores.

Ademais, procederase á substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; a substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; e a reparación e pintado de paramentos interiores.

Na provincia de Lugo a consellería abordou obras similares no CEIP Rosalía de Castro, en Lugo, e no CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, que inician este curso cos traballos xa rematados despois dun investimento global de 1.026.000 euros.

20 de setembro de 2017 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.