publicidade hoxe

A Consellería de Cultura destina 50.000 euros á restauración das pinturas do muro norte de San Xulián de Moraime

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuxía
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a formalización do contrato de servizo de restauración das pinturas murais do muro norte da igrexa do mosteiro de San Xulián de Moraime, en Muxía (A Coruña), uns traballos aos que se destinan 50.000 euros. A intervención, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, ten un prazo de execución de cinco meses.

Os labores que se realizarán consistirán na limpeza da superficie, aplicación de tratamentos contra o biodeterioro, consolidación do soporte e reintegración da policromía. Así mesmo, procederase a retirar morteiros antigos para substituílos por outros novos e realizaranse mapas de estado de conservación das pinturas.

A zona de actuación serán as pinturas que ocupan o muro norte, que representan os sete pecados capitais a través da personificación do pecados e da representación dos seres demoníacos que instigan os vicios e virtudes e que animan a practicar a penitencia e a oración. Neste momento as pinturas están nun estado de conservación complicado, debido aos problemas de humidade que sufriu o templo.

Non en balde, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia realizou, nos anos 2014 e 2015, obras para atallar a entrada de auga por capilaridade e filtración nos muros da igrexa. Ademais, a intervención anterior sobre a pintura do muro oeste permitiu axustar criterios e procedementos de actuación e comprobar a efectividade dos traballos realizados anteriormente para atallar a humidade. Deste xeito, o investimento da Consellería nos últimos anos nesta igrexa, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de conxunto histórico, ascende a más de 105.000 euros, que se verán incrementados co orzamento desta nova actuación de 50.000 euros.

A igrexa do antigo Mosteiro de San Xiao de Moraime é un dos exemplos senlleiros do románico galego con achegas estilísticas de épocas posteriores. de planta basilical e con orixe nun antigo mosteiro da Orde de San Bieito, o valor artístico desta peza fíxoa obxecto de diferentes traballos de restauración desde os anos setenta do século XX, nos que se realizaron obras xeneralizadas de renovación de cuberta, nova pavimentación e outras medidas tendentes á eliminación de humidades no templo; traballos que se retomaron nos últimos anos.

14 de setembro de 2017 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.