publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xuventude achega 5.000 euros para impulsar o proxecto ‘Árbores sonoras’ en Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social, achegará 5.000 euros para impulsar o proxecto Árbores sonoras promovido polo colectivo cultural Xoldra e no que colabora o Concello de Mondoñedo.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, salientou que esta iniciativa permitirá darlle máis vida a un espazo singular, como é a Alameda dos Remedios, que será acondicionada e revalorizada polos membros da asociación en colaboración con voluntarios e co apoio municipal.

Este proxecto pretende darlle máis vida a unha zona pública de gran uso na cidade, e moi frecuentada pola xuventude ao estar situada ao carón dos institutos. A idea engloba múltiples actuacións: entre plantar árbores, labores de acondicionamento de xardíns, colocación de novas flores e arbustos.

Tamén se acometerán medidas de rehabilitación urbana e recuperarase o quiosco da música para que volva a realizar a súa función tradicional, acondicionaranse os baños públicos e porase en funcionamento unha fonte.

Para poder desenvolver todas as funcións a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado achegará a Xoldra tamén recursos para impartir uns cursos de carpintería e xardinería.

A Alameda dos Remedios está situada entre dous edificios de estilo barroco: a igrexa dos Remedios e o Hospital de San Pablo e é un lugar de ocio para a poboación. Nela celébranse as festas da parroquia, as Quendas e as San Lucas. O resto do ano está dedicado a ser lugar de paseo, descanso, xogos…

22 de agosto de 2017 | 20:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.