publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Uns 600 nadadores de España e norte de Portugal coñecerán a Ribeira Sacra coa II Heroica Gran Premio Deputación de Lugo

Presentación do evento deportivo

Presentación do evento deportivo

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou este xoves, no embarcadoiro de Doade, a segunda edición da Heroica Gran Premio Deputación de Lugo – Regina Viarum. Terá lugar o vindeiro sábado, día 12 de agosto, no entorno da Ribeira Sacra. Pertencente á 7ª Etapa da III Copa de España de Augas Abertas da Real Federación Española de Natación.

Por segundo ano consecutivo, o Goberno Provincial converteu á Deputación na principal patrocinadora desta cita deportiva, pois inviste na mesma 10.000 euros. Faino dentro da súa aposta polo turismo, seguindo as liñas de actuación do seu Plan Estratéxico de Turismo, para xerar riqueza e emprego, potenciando este sector.

Triplo de participantes

Deste xeito, centos de persoas de toda a Península coñecerán a Ribeira Sacra, o seu patrimonio natural, histórico ou vitinícola, pois xa hai case 600 nadadores de España e norte de Portugal inscritos a día de hoxe, o triplo que o ano pasado. Previsiblemente, os participantes virán acompañados polos seus equipos ou familias.

O Deputado de Deportes destacou que “a expectación pola proba é tal que este ano triplicamos o número de inscritos con respecto á primeira edición, o que dá boa conta do traballo ben feito, posto que a maioría dos participantes repetirán experiencia, converténdose en voceiros do patrimonio que atesouramos na Ribeira Sacra. O crecemento da Heroica é espectacular. Dende o Goberno Provincial cremos dende o principio nas posibilidades desta cita, convertendo á Deputación na principal patrocinadora. Cremos que non erramos, que esta proba é un acerto para a provincia”.

Rivera Capón engadiu que “decidimos manter a nosa aposta por este evento, que vai máis aló do puramente deportivo, posto que serán, cando menos, 600 as persoas de toda España e Portugal ás que se achegarán a fin de semana á Ribeira Sacra, acompañados por familiares e amigos, para participar nas probas, pero tamén para coñecer este paraíso natural co que contamos na provincia, desfrutar da nosa gastronomía e dos nosos viños. A Heroica é unha aposta deste Goberno Provincial pola posta en valor dos distintos recursos turísticos e do sen fin de alternativas lúdicas que ofrece a nosa provincia. Porque Lugo, cambia”.

Visita guiada

O Deputado avanzou que durante a xornada haberá unha visita guiada pola contorna para deportistas e acompañantes para descubrir o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra, incluíndo a visita a unha adega para coñecer a viticultura Heroica e a olería de Gundivós para ver como se realizaron os trofeos da proba. O horario é:

- 10:00 horas: Saída de Doade (fronte a La Cantina).
- 10:30 horas: Visita a olería de Gundivós (1 hora aproximadamente).
- 12:00 horas: Visita bodega Regina Viarum (45 minutos aproximadamente).
- 13:00 horas: Volta ao lugar de saída na Praza de Doade.

Competicións

O responsable do departamento de Deportes do organismo provincial explicou que durante a xornada do sábado se disputarán en total catro probas, finalizando todas elas no embarcadoiro de Doade. Os primeiros nadadores en competir, a partir das 16.00 horas, serán os inscritos na competición reina, o Gran Premio Deputación de Lugo, que deberán completar un percorrido de 10.000 metros.

Para iso, subiranse a un catamarán que os levará ata a saída en Rabacallos e, dende alí, botaranse a nadar ata chegar ao embarcadoiro de Doade.

Tras a disputa desta proba, a máis esixente da xornada, celebraranse as competicións de 5.000 metros, 2.500 metros e unha popular de 600 metros, pensada para todos aqueles afeccionados á natación que desexen ser partícipes dunha xornada deportiva en medio dun ambiente único.
Transporte e seguridade
A zona de aparcadoiro sitúase a 5 quilómetros con servizo de microbuses e tren turístico con capacidade para desprazar a máis de 1.000 persoas (deportistas e acompañantes) de forma programada ao lugar da proba evitando colapsos.

Máis de 40 piragüistas velan pola seguridade dos nadadores, e tamén máis de 5 embarcacións a motor, entre elas una de Protección Civil e outra dos Grupos de Especiais de Actividades Subacuáticas da Garda Civil. Tamén colaboran os Clubs de Natación Locais de Monforte e Portamiñá.

10 de agosto de 2017 | 14:28 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario