publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Uns 40 rapaces realizaron en Muros o curso da Campaña de Vela da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaMuros
A-
A+

Os 40 rapaces e rapazas dos concellos da zona do Barbanza que participan na Campaña de Vela 2017 da Deputación da Coruña remataron hoxe en Muros os cursos de navegación.

Estas actividades, que imparte a Federación Galega de Vela, estaban dirixidas a mozos e mozas de entre os 9 e os 18 anos, e desenvolvéronse durante toda a semana. En quendas de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os alumnos practicaron as disciplinas de vela lixeira e windsurf durante dous días cada un. Na última xornada, que ten lugar hoxe, cada participante poderá escoller a modalidade que máis lle gustou para poder repetila unha vez máis.

O curso incluíu clases teóricas para que os rapaces coñecesen o manexo das velas e os distintos utensilios necesarios para a navegación, afianzar conceptos, resolver dúbidas e explicar os distintos exercicios a realizar. Baixo a supervisión dos monitores, os rapaces tamén puxeron en práctica diferentes exercicios de vela lixeira e de windsurf. Así mesmo, realizaron un obradoiro de elaboración de nós mariñeiros.

Os cursos da Campaña de Vela da Deputación realízanse durante os meses de verán en diferentes concellos da provincia, acollendo en cada un aos rapaces e rapazas pertencentes ao ámbito comarcal de cada sede. A semana que vén, desenvolverase o curso na Pobra do Caramiñal.

4 de agosto de 2017 | 14:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.