publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 45 coches antigos participan na segunda edición da “Ruta de Mosteiros e Castelos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseXunqueira de Ambía
A-
A+

A segunda edición da “Ruta de Mosteiros e Castelos” conta, ata o momento, con 45 coches antigos inscritos, vehículos do ano 1900 ao 1969, que se darán cita o día 19 de agosto no municipio de Xunqueira de Ambía nun evento turístico e gastronómico que pon en valor o patrimonio histórico da zona. A presentación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a organizadora do evento, Beatriz Crespo; o alcalde e o concelleiro de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes e Rubén Seara, respectivamente.

O deputado provincial de Cultura lembrou a tradición automobilística da provincia de Ourense “sendo moitos os municipios que albergan eventos relacionados co mundo do motor, como o que hoxe estamos a presentar”. Asemade Manuel Doval sinalou que esta iniciativa, que discorre pola nosa provincia, “pon en valor non só o municipio de Xunqueira de Ambía senón tamén outros concellos da zona, ofrecendo aos participantes unha xornada de ocio e gastronomía” e destacou a importancia “de investir en cultura para desenvolver eventos que fomenten o turismo”.

O alcalde de Xunqueira de Ambía sinalou que se trata dun evento que “pretendemos consolidar no tempo, xunto con outras iniciativas que xa levamos moitos anos a desenvolver, para poñer en valor o patrimonio histórico do noso municipio”. Os coches que van a participar na ruta “deben ser anteriores ao ano 1969 para que vaian en consonancia coa ruta patrimonial que vamos a realizar”, engadiu José Luis Gavilanes.

Pola súa parte, a organizadora do evento explicou o percorrido da ruta que comezará ás 12.00 horas en Xunqueira de Ambía e pasará polos municipios de Monterrei, Laza e Vilar de Barrio, e rematará ás 20.00 horas en Xunqueira de Ambía. “O prezo da inscrición, que tamén inclúe a comida e a cena, é de 45 euros”, explicou Beatriz Crespo, e engadiu “ata o momento hai 45 inscritos non só de Ourense senón tamén de Tui, Vigo, A Coruña e Portugal pero, os interesados en participar, aínda poden anotarse ao longo de toda esta semana a través do número de teléfono 648051013 ou no Concello de Xunqueira de Ambía”.

10 de agosto de 2017 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.