publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Turismo de Galicia impulsará a oferta do Ribeiro cun percorrido en autobús polo seus recursos enoturísticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurensePortada esquerda
A-
A+
Nava Castro na sinatura do convenio coa Mancomunidade de Terras do Avia

Nava Castro na sinatura do convenio coa Mancomunidade de Terras do Avia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente de Mancomunidade Terras do Avia, Francisco José Fernández, para impulsar e dinamizar o xeodestino O Ribeiro. O acordo, que beneficiará a máis de 20 concellos, contén accións en numerosas liñas, desde a creación de produto ata a promoción e a xestión dos recursos desta zona da provincia de Ourense.

Nava Castro, que estivo acompañada da secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, subliñou as singularidades do xeodestino do Ribeiro, que lle confiren un gran valor engadido á súa oferta, co enoturismo e o termalismo como elementos principais. Neste sentido, a directora de Turismo explicou que o convenio, con vixencia para dous anos, inclúe a creación do Bus do Viño do Ribeiro. A iniciativa será deseñada e planificada coas adegas, os pazos, outros recursos turísticos e prestadores de servizos turísticos, tras o cal porase en marcha para incrementar as propostas do xeodestino con distintos percorridos e visitas.

De xeito paralelo, impulsaranse paquetes termais biosaudables, nos que se incluirán hoteis, balnearios e spas, con estancias e escapadas termais que tamén incorporarán o enoturismo como experiencia. Ademais, e co fin de que os viaxeiros dispoñan de información precisa sobre os espazos que poden visitar no Ribeiro, editarase un mapa de roteiros culturais,

“A promoción, dinamización e fomento do turismo no Ribeiro é o obxectivo deste convenio de colaboración, que busca a súa consolidación como destino turístico galego de interior”, declarou Nava Castro tras a sinatura. A directora de Turismo salientou que a consecución destas metas “suporá a xeración de emprego e a redistribución da riqueza, que constitúen beneficios inherentes que o turismo ben planificado ten para toda a sociedade”.

Xestión e promoción

En liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta coa que o Goberno galego e o sector planifican o crecemento neste eido, o convenio co Ribeiro aposta pola calidade e a sustentabilidade como referencias. De feito, o acordo prevé a redacción do Plan de acción turística do xeodestino como ferramenta para a xestión conxunta dos concellos implicados.

Ademais, editarase un catálogo de servizos turísticos para repartir nos aloxamentos, oficinas e puntos de interese da zona, crearase unha páxina web e deseñarase a imaxe corporativa que o xeodestino empregará nos seus canais de comunicación. En conxunto, investiranse nos dous próximos anos 96.000 euros, dos que Turismo de Galicia achegará 80.000.

Nava Castro destacou que este tipo de convenios contribúen a especializar a oferta turística de Galicia e permiten a desestacionalización da demanda, ao aportar motivos para visitar a Comunidade durante todo o ano. Ambas cuestións son aspiracións nas que traballa a citada Estratexia do turismo de Galicia 2020, que prevé acadar os seis millóns de viaxeiros anuais.

Nesta estratexia teñen un papel importante os xeodestinos, tanto desde o punto de vista da xestión como da promoción. Serven para especializar cada un dos destinos, potenciando os seus recursos endóxenos, diversificando así a oferta turística galega o que a posiciona como un destino multiexperiencial. Estes xeodestinos constitúen áreas ou espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos recursos naturais, culturais e patrimoniais, con capacidade suficiente para xerar fluxos turísticos e que, xunto coa súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular.

Os concellos que integran o xeodestino do Ribeiro son A Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, Melón, O Carballiño –que esta fin de semana celebra a súa Festa do Polbo, declarada de Interese Turístico Nacional e á que a directora de Turismo animou a asistir–, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea.

9 de agosto de 2017 | 14:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.