publicidade hoxe

Triángulo de Amor Bizarro será o grupo encargado de pechar ‘Atardecer no Gaiás 2017’

A banda galega Triángulo de Amor Bizarro será a encargada de pórlle o alfinete de ouro, o vindeiro sábado, día 26, á sétima edición de Atardecer no Gaiás, no que será o 21 e derradeiro solpor musicado deste verán na Cidade da Cultura de Galicia.

Antes do peche deste ciclo musical que lle puxo banda sonora ao verán, Atardecer no Gaiás ten preparadas outras dúas citas a non perder: a da mestura psicodélica, folk e prog-rock dos xaponeses Kikagaku Moyo e a que nos ofrece o traballo máis experimental da coñecida banda Nudozurdo.

O quintento xaponés Kikagaku Moyo saltou das rúas a xiras internacionais grazas a unha mestura de estilos que obtiveron unha conexión brutal co público, levándoos a acadar o éxito con discos como House in the Tall Grass, cuxos temas soarán no solpor do xoves, 24 de agosto.

Para o Atardecer no Gaiás do venres contarase cunha banda cunha traxectoria xa consolidada como é Nudozurdo, caracterizada por un post-rock hipnótico e letras en castelán. Os madrileños teñen no directo o seu punto forte e así o demostrarán no Gaiás, a onde chegan co seu último traballo baixo o brazo Rojo es peligro. Este cuarto disco é unha oda á experimentación e todo un exemplo de como pode renovarse unha banda sen renunciar á súa personalidade e ao carisma que o sostén. Continuarase a festa, por cortesía da Cantina do Gaiás, cunha sesión DJ a cargo JuanPopp.

Música persoal, visceral e valente. Isto é o que se agarda para o peche de Atardecer no Gaiás 2017 coa actuación de Triángulo de Amor Bizarro e a pinchada de Nano Vinilo. A banda galega alcanzou o éxito cunha base de guitarras distorsionadas ao límite, ritmos frenéticos e letras crípticas, que poderemos gozar e bailar neste derradeiro solpor musicado de 2017, e que suporá o número 21 deste edición, que se caracterizou por un intenso sabor galego, tal e como corrobora non só esta actuación final, senón o paso de Malandrómeda, Familia Caamagno, Músculo!, Terbutalina ou Victor Prieto pola Cidade da Cultura.

Actuacións xunto outros artistas punteiros do panorama nacional e internacional como o rapeiro C. Tangana, que abarrotou a Praza Central da Cidade da Cultura; o pop en catalán de Manel; a gañadora de dous Grammys latinos, Carla Morrison; o pop bizarro de Hidrogenesse ou o trobador brasileiro Gustavo Almedia. Ademais, por segundo ano consecutivo, contouse con tres sesión de cinema ao aire libre coa música como protagonista. Unha nova edición de Atardecer no Gaiás que acadou o seu propósito de que a xente desexase vir gozar e bailar das postas de sol do verán na Cidade da Cultura de Galicia.

23 de agosto de 2017 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.