publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Secretaría Xeral para o Deporte e Federación Galega de Piragüismo asinan o convenio para a cesión do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Piragüismo veñen de asinar o convenio de colaboración para o outorgamento da concesión demanial do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido, Pontillón do Castro (Pontevedra) a favor da Federación Galega de Piragüismo. A concesión outorgase por un período de cinco anos, prorrogables por períodos sucesivos de cinco anos, ata un máximo de 75 anos.

Deste xeito, a Federación Galega de Piragüismo obtén a concesión para levar a cabo a xestión e o mantemento das instalacións, garantindo que as instalacións se manteñan en perfecto estado para desenvolver actividades deportivas, formativas, competicións ou eventos deportivos, principalmente na modalidade de piragüismo. Asemade, deberase impulsar e favorecer o de uso das instalacións a favor das diferentes modalidades deportivas náuticas que puideran beneficiarse das características deste campo de regatas así como do resto da infraestrutura destas instalacións en beneficio do crecemento e desenvolvemento do deporte galego.

A Xunta de Galicia executou a obra de construción do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido, Pontillón do Castro (Pontevedra), co obxecto de destinarse á formación, preparación e especialización dos deportistas galegos da modalidade deportiva do piragüismo. Para o máis adecuado desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe, tecnificación e rendemento deportivo en Galicia nesta modalidade, é necesario contar, no Complexo Náutico e Campo de Regatas, cunha fórmula de xestión e mantemento que optimice o seu máximo rendemento de uso, onde se garanta un contexto idóneo para o desenvolvemento dos deportistas no terreo deportivo, pedagóxico, técnico, e en xeral, de todas as condicións que inciden na mellora da práctica deportiva. Así mesmo, faise necesario optimizar o centro en beneficio tamén doutras modalidades deportivas como a natación, o tríatlon, a vela, e outros deportes náuticos olímpicos/paralímpicos ou non olímpicos/non paralímpicos, que poidan enriquecerse co uso desta instalación náutica en beneficio do crecemento e desenvolvemento do deporte en Galicia.

Para unha maior visibilidade e promoción do deporte galego dentro e fóra da nosa Comunidade Autónoma, precísase que este campo de regatas estea en perfecto estado, non soamente para o desenvolvemento da actividade deportiva e competicións deportivas autonómicas, senón como sede para albergar nela campionatos nacionais e internacionais en diferentes modalidades deportivas, impulsando o deporte galego e promovendo Galicia como destino deportivo.

11 de agosto de 2017 | 14:56 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario