publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Román Rodríguez anuncia a licitación do proxecto expositivo do Museo do Viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaRibadavia
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a reitoral de Santo André de Camporredondo (Ribadavia), onde se vai localizar o futuro Museo do Viño de Galicia, no que están implicadas outras institucións e entidades. No marco do seu percorrido por este espazo, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia anunciou que se acaba de publicar a licitación da fabricación e instalación do proxecto expositivo deste centro, por importe de 713.641,54 euros.

Segundo explicou o conselleiro, o avance deste proxecto é posible grazas ao acordo acadado entre a Xunta de Galicia e a Diócese de Ourense para prolongar a cesión deste edificio ao Goberno autonómico durante outros 25 anos máis; un trámite que se realizou baixo as máximas garantías administrativas e xurídicas. O obxectivo é que este museo sexa o encargado de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia, e que estea en funcionamento no ano 2019.

Na visita o conselleiro estivo acompañado por representantes do Concello de Ribadavia, polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua; polo director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, José César Llana, e por representantes da Asociación do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia. Así mesmo, asistiron varios alcaldes da comarca do Ribeiro e representantes do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, entre outras autoridades.

Dinamización da zona

Román Rodríguez sinalou que o Museo do Viño de Galicia contribuirá á dinamización deste sector produtivo, así como da propia comarca do Ribeiro e da provincia de Ourense, “xa que será un atractivo turístico indiscutible e un referente que incrementará o prestixio destas terras de tradición vitícola”.

Neste sentido o conselleiro destacou que o sector vitivinícola é fundamental en Galicia como piar básico da economía, da cultura, a tradición, e o medioambiente; e recordou que o seu departamento o está a impulsar a través dos ciclos de Formación Profesional da familia de Industrias alimentarias. Non en balde, o IES O Ribeiro, na mesma localidade de Ribadavia, imparte o ciclo superior de Vitivinicultura, o ciclo básico de Industrias Alimentarias e o ciclo de grao medio en Aceites de oliva e viños. Asemade, existen convenios de prácticas con tres entidades co fin de potenciar un constante contacto do alumnado co tecido socioprodutivo de cada comarca en prol da empregabilidade dos titulados de FP.

Por outra banda o conselleiro quixo salientar a xestión unificada e en rede que vai ter o centro museístico, en coordinación co Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Máis de 1,36 millóns investidos

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia ten investido máis de 1,36 millóns de euros para restaurar e acondicionar a reitoral de Santo André de Camporredondo, dado que as obras que se acometeran nela por parte dunha escola obradoiro municipal non se adaptaban ás necesidades dun edificio dedicado á función de museo.

Por outro lado, o Proxecto Museográfico herdado en 2009 tivo que ser revisado pola Consellería de Cultura en 2014, coa finalidade de rebaixar o custo da execución e adaptalo ás dispoñibilidades orzamentarias. Por tanto, actualmente disponse do espazo restaurado, do modelo museístico reformulado e só resta a execución do proxecto museístico en si mesmo.

Subministración do proxecto expositivo

O contrato que se acaba de licitar ten como obxecto a execución das tarefas de subministración, e no seu caso fabricación, de todos os elementos museográficos, incluída a sinaléctica de orientación e produción gráfica e audiovisual. O contrato contempla a colocación, instalación, transporte, montaxe, axustes, posta en marcha e comprobación do bo funcionamento de todos e cada un dos elementos.

Así mesmo, están incluídas as obras derivadas da implantación dos equipos e elementos museográficos que sexan necesarios para o correcto desenvolvemento e remate da subministración.

A realización de todas as tarefas permitirá rematar o proceso de posta en marcha do Museo do Viño e a súa apertura ao público.

Un espazo único

O Museo do Viño de Galicia será un referente no ámbito da etno-antropoloxía e na historia do fenómeno cultural vitivinícola, un espazo único no que se reunirán as cinco Denominacións de Orixe galegas -Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei-, con especial atención a do Ribeiro.

Para iso, o proxecto expositivo dá prioridade ao enfoque etno-histórico e antropolóxico dos seus contidos, privilexiando o tratamento do territorio e da sociedade das xeografías vitícolas, dos valores e do capital cultural. O obxectivo é transmitir un proceso histórico da cultura vitícola como elemento que ordena historicamente o territorio. Cómpre sinalar, neste sentido, que a propia reitoral foi no pasado priorado e adega dependente do mosteiro bieito de San Martiño Pinario.

O Museo do Viño de Galicia incorporará os fondos históricos e etnográficos e a colección do viño do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que constitúen a súa colección fundacional. Ademais do contido, o inmoble, que forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, destaca pola súa relevancia e interese arquitectónico e histórico.

10 de agosto de 2017 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.