publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Portomarín e Lugo acollen as derradeiras actividades fluviais gratuítas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugoPortomarín
A-
A+

O Goberno da Deputación leva a Portomarín e á capital luguesa durante esta fin de semana a súa programación de actividades fluviais gratuítas, que ofrece a todos os públicos e leva a todas as zonas da provincia, no marco do Plan Estratéxico de Turismo. Así, mañá, venres, o Náutico de Portomarín acollerá unha nova sesión lúdica dende as 16:00 e ata as 19:00 horas. Mentres que o sábado terá lugar a derradeira actividade no Club Fluvial de Lugo, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

As actividades inclúen atraccións inchables, tobogáns, balancíns, pulpos, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs… animacións musicais ou xogos populares. Cada sesión, que ten unha duración de entre tres e catro horas, conta coa supervisión de, canto menos, un coordinador e entre seis e doce monitores, que se encargan do coidado e atención dos participantes para garantir unha actividade divertida e segura. As persoas que non saiban nadar terán que ir acompañadas.

Balance

Preto de 1.200 persoas participaron nas 10 primeiras actividades celebradas nos Concellos de Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Vilalba, Negueira de Muñiz, Ribas de Sil, Chantada, Monforte, Sarria, A Pontenova, Guitiriz e Trabada. 72 foron en Ribeira de Piquín; 212 en Navia de Suarna; 96 en Vilalba, 48 en Negueira de Muñiz, 223 en Ribas de Sil, 120 en Chantada, 100 en Monforte, 135 en Sarria, 115 en Pontenova, 70 en Guitiriz e 170 en Trabada.

I Travesía do Caneiro

A derradeira das sesións terá lugar na capital luguesa, no entorno do Club Fluvial, o vindeiro sábado coincidindo coa I Travesía do Caneiro, un evento deportivo de natación en augas abertas, que discorrerá nun circuíto paralelo ao caneiro e que, dependendo das categorías, desenvolverase en tres probas: unha travesía popular, non competitiva; unha travesía curta de 800 metros e unha longa de 1.500 metros.

A día de hoxe xa hai preto de 100 persoas inscritas para participar nesta competición. A saída da travesía popular de 400 metros, non competitiva, reservada a nadadores de calquera idade, será ás 17:00 horas. Media hora máis tarde tomarán a saída os benxamíns e alevíns que tomen parte na travesía curta, de 800 metros. Por último, a proba estrela, cunha distancia de 1.500 metros e reservada ás categorías de infantil, júnior, absoluta e máster, comezará ás 18.00 horas.

31 de agosto de 2017 | 14:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.