publicidade hoxe

Os redutores de velocidade do Plan Móvese chegan ás estradas provinciais de Barro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroPontevedra
A-
A+

Os dispositivos de calmado de tráfico que a Deputación de Pontevedra está a instalar ao abeiro do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Móvese), están xa instalados en varios puntos das estradas provinciais do concello de Portas. Segundo indicou o deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez, este municipio verá finalizados os últimos axustes dos oito redutores de velocidade solicitados polo Concello nos vindeiros días.

As obras do Plan MOVESE en Barro iniciáronse hai varias semanas con tres brigadas de traballo da empresa Taboada e Ramos, que primeiro realizou melloras coa equipa de albaneis, para despois realizar o aglomerado e o pintado da nova sinalización horizontal, así como a instalación dos sinais verticais. En total, en Barro haberá oito redutores de velocidade de vehículos instalados nas estradas EP-0503 Mane-Rebón, EP-0507 Portela-Valiñas-Portas e EP-0508 Curro-San Amaro.

Na primeira estrada colocaranse tres RFVV nos puntos quilométrico 0+260 (cun largo de nove metros), outro no PQ 0+400 (de seis metros) e outro no PQ 0+470 (de nove metros). No caso da estrada entre Portela e Portas, haberá tamén outros tres redutores instalados no PQ 1+700 (de oito metros), outro no 2+400 de oito metros) e un último de nove metros no PQ 4+400. Finalmente, na estrada entre Curro e San Amaro haberá dous RFVV no 0+90 (de seis metros) e no PQ 1+170 (con sete metros de largo). Está por rematar aínda a instalación dos captafaros, pendentes nestes momentos da subministradora da contrata.

Estas actuacións rematadas agora no Plan Móvese veranse completadas coa instalación de pasos de peóns sobreelevados e outros redutores de velocidade nas estradas de Curro San Amaro unha vez se realicen as obras de acondicionamento por coincidir cun treito do Camiño Portugués a Santiago, e na EP-0505 entre a estrada nacional a Santiago (N-550) e a Igrexa de Perdecanai, cuxa reforma está inacabada e precisa de melloras.

O nacionalista Uxío Benítez indicou que as actuacións do Plan Móvese deseñáronse logo de ter recibido as solicitudes dos concellos, que enviaron á Deputación as ubicacións nas que consideraban que se debían instalar redutores de velocidade por problemas de seguranza viaria. Esas peticións foron despois supervisadas por funcionario provinciais que realizaron os axustes técnicos correspondentes. O departamento de Mobilidade executará este ano preto de 600 elementos de calmado de tráfico en toda a provincia logo de recibir máis dun milleiro de peticións. Está previsto que cara ao próximo exercicio se realice unha segunda fase do plan logo do éxito e bo acollemento da primeira edición.

A Deputación puxo en marcha o Plan Móvese para diminuír a violencia viaria na súa rede de vías. Un dos eixos do departamento de Mobilidade na súa Estratexia 3.0 céntrase na redución da velocidade con elementos físicos como único xeito efectivo para que realmente os coches vaian máis devagar. “Utilizamos os únicos elementos con efectos reais: dispositivos físicos que obrigan aos coches a parar queiran ou non”, argumentou Benítez.

16 de agosto de 2017 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.