publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O proxecto Morada Atlántica érguese como exemplo de aproveitamento do acervo mariñeiro de Galicia e Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxeLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe en Laxe o proxecto Morada Atlántica, de cooperación de grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), e púxoo como exemplo de aproveitamento do acervo mariñeiro de Galicia e Portugal. Foi no marco da inauguración da exposición A saga do bacalhau, coa que se iniciou a Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico, que pertence a este proxecto, promovido polos GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia e Costa da Morte e no que colabora o Grupo de Ação Costeira de Região de Aveiro.

Esta rede ten como obxecto central poñer en valor o patrimonio material e inmaterial ligado ás nosas costas e que foi xurdindo ao longo dos séculos nestas poboacións mariñeiras. É dicir, elementos da cultura mariñeira como, por exemplo, a paisaxe, a lingua, a tradición, a toponimia e a arquitectura.

Así, “nace para dar a coñecer os fondos patrimoniais e o potencial atractivo e divulgativo dos museos de contido marítimo e atlántico de titularidade municipal que se estenden ao longo das nosas costas”, explicou Rosa Quintana. Estes museos, expuxo, “ven limitada, ás veces, a súa promoción ante as súas limitacións de recursos”. De aí que con esta rede se busque “multiplicar a oferta museística local, grazas ao aproveitamento dos recursos de cada un dos espazos que o compoñen”, puntualizou.

Neste sentido, a titular de Mar, sinalou que o proxecto Morada Atlántica, do que forma parte a rede, “persegue potenciar a cooperación transfronteriza e a transferencia de coñecemento dos territorios costeiros do arco atlántico galego e portugués”. Faino, engadiu, “a través da configuración dun novo produto turístico sustentable, que permitirá diversificar e desestacionalizar a oferta turística de ambos territorios”.

Ademais Rosa Quintana tamén puxo este proxecto como exemplo da boa acollida do esforzo da Consellería do Mar para impulsar o labor dos GALP, un compromiso no que a Xunta traballa a través dun investimento xeral de 57 millóns de euros para a lexislatura 2016-2020.

Este esforzo, engadiu a titular de Mar, traduciuse no período 2009-2016 en 250 empregos creados, máis de 400 proxectos aprobados e nun investimento público de máis de 27 millóns de euros. Neste sentido, puxo de relevo o papel dos GALP, xa que permiten, subliñou, mellorar o traballo de todo o sector, incentivar a diversificación económica e manter a poboación nestas rexións, fomentando o interese das novas xeracións no sector, entre outros aspectos.

‘A saga do bacalhau’

A saga do bacalhau é a primeira mostra temporal sobre a pesca do bacallau en Galicia e foi cedida polo Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal). Repasa a viaxe que o oficial da Armada australiana e xornalista de National Geographic, Alan Villiers, realizou cos pescadores lusos do Argus ata os caladoiros de Terranova no 1950. Recolle medio cento de fotografías, o libro A campanha do Argus e a película The Bankers. The voyage of the schooner Argus, así como unha embarcación tradicional denominada dori cos utensilios de pesca empregados tradicionalmente para a captura de bacallau.

Antes de estar no Museo do Mar de Laxe, onde se poderá ver durante todo o mes de agosto, a mostra estivo no Museo Man, de Camelle, e na Fábrica de Sel, en Muros. Grazas a ela, destacou Rosa Quintana, “poderemos repasar a historia da importancia da pesca do bacallau en Terranova para Galicia”. Tamén, engadiu, “descubrir os seus impactos directos e indirectos na economía e na cultura das nosas zonas pesqueiras de antano”.

1 de agosto de 2017 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.