publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O presidente da Xunta visita os traballos de recuperación do santuario das Ermidas no Bolo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO BoloPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta na visita ao santuario das Ermidas

O presidente da Xunta na visita ao santuario das Ermidas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a recuperación do Santuario da Nosa Señora das Ermidas como exemplo da aposta do Goberno galego por potenciar a riqueza natural e cultural da comunidade. Durante unha visita ao santuario, Feijóo precisou que recuperar, poñer en valor e difundir a riqueza de lugares como este é un dos elementos clave para que Galicia siga avanzando cara a un destino turístico tranquilo e “que apaixone”, que ten como principais activos o patrimonio natural, histórico e cultural. Unha idea plasmada na Estratexia de Turismo de Galicia 2020, que ten como obxectivo acadar nesta data os seis millóns de visitantes.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico subliñou que, segundo os datos do primeiro semestre deste ano, Galicia volve bater récords, cun crecemento do 5% no número de viaxeiros e dun 8% no número de pernoitas. Así mesmo, resaltou que o turismo internacional volve aumentar o seu peso de tal xeito que, entre xaneiro e xuño deste ano, un de cada tres turistas que visitaron Galicia veu de fóra de España.

Recuperación do santuario

No tocante ao proceso de rehabilitación, Feijóo lembrou que despois de ser declarado Ben de Interese Cultural, en 2012 comezouse a desenvolver o Plan Director de Nosa Señora das Ermidas. Un proxecto no que se investiu case 1,4 millóns de euros para devolverlle ao santuario a súa beleza orixinal reconstruíndose o muro, mellorándose os pavimentos e as instalacións básicas, embelecéndose as fachadas do trazado do Vía Crucis -un dos mellor conservados de Europa- e recuperándose as imaxes relixiosas.

Nesta liña, o presidente da Xunta afirmou que esta posta en valor completarase con outras actuacións, entre as que destacou: a mellora das condicións de conservación do seu patrimonio documental, a reparación da cuberta da igrexa, a revisión dos sistemas eléctricos e medidas para garantir a estabilidade da estrutura.

“Con todas estas actuacións aseguramos que o santuario da Nosa Señora das Ermidas gañe forza como o principal imán turístico da comarca”, aseverou, subliñando que, ademais destas obras de recuperación e mellora, o Concello do Bolo está na axenda da Xunta coa pavimentación da rúa central do concello e a mellora da praza pública; e “temos que buscar xunto coa Deputación como rehabilitar os tres muíños das Ermidas”, concluíu.

2 de agosto de 2017 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.