publicidade hoxe

O Igape informa en Lugo das 100 bolsas formativas en pemes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) convoca un programa de bolsas formativas en empresas pensado para “ofrecer a primeira oportunidade no mundo laboral aos novos titulados universitarios”, segundo afirmou o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro.

O delegado territorial explicou que se ofertan 100 bolsas, que consisten nun itinerario específico teórico-práctico que inclúe un período teórico de 40 horas en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico das pequenas e medianas empresas, e un ano de prácticas formativas en pemes, entidades ou axentes que estean desenvolvendo ou avaliando proxectos de mellora, baixo a supervisión de entidades colaboradoras do Igape, clústeres ou asociacións de apoio ao emprendedor.

O programa formativo está dotado cunha cantidade base anual de 10.800 euros brutos por bolsa / 900 euros brutos mensuais. Poderán optar ás bolsas os titulados universitarios galegos en Física, Enxeñería, Matemáticas, Química, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito, Bioloxía/Biotecnoloxía e Farmacia, que obtiveran o seu título no período 2011-2016. Os titulados do 2017 poderán acceder sempre que poidan acreditar o título con anterioridade á data de finalización do prazo de solicitudes, esto é, o vindeiro 14 de setembro.

Balseiro lembrou que os mozos e mozas interesados poden obter información detallada das bases e mesmo resposta as dúbidas máis habituais na seguinte web do Igape: http://www.igape.es/es/ser-mais-competitivo/asesoramento/bolsas-re-acciona. Igualmente, poden dirixirse á Delegación Territorial da Xunta, á oficina do Igape -que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria-.

2 de agosto de 2017 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.