publicidade hoxe

O Igape destaca o compromiso da adega Paco & Lola coa mellora da competitividade como clave das súas exportacións a máis de 40 países

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeaño
A-
A+

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe que o compromiso permanente da adega cooperativa Paco & Lola coa mellora da súa competitividade explica e garante os seus avances nos mercados internacionais.

A adega de Meaño, que integra a máis de 400 socios cooperativistas –de feito a antiga Sociedade Cooperativa Vitivinícola Arousana é a cooperativa da DO Rías Baixas con maior número de socios–, suma máis do 45% da súa facturación coas súas vendas a mercados como Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Holanda ou Porto Rico.

Paco & Lola tense acollido aos servizos do Programa Reacciona do Igape para desenvolver proxectos de mellora en ámbitos como a redefinición de modelo de negocio –impulsando tamén a venda directa mediante o comercio en liña–, o desenvolvemento de plans de futuro empresarial ou a localización e consolidación de redes de cooperación.

No marco da súa visita, Cividanes lembrou que o programa Reacciona está actualmente activado, a disposición das empresas que buscan mellorar a súa competitividade para consolidarse ou conquistar novos mercados internacionais. O director xeral do Igape salientou que a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria xa facilitou a implantación de 1.400 proxectos de mellora en 850 empresas que puideron desenvolver así accións de mellora en diferentes ámbitos da súa xestión.

A actual edición do programa, dotada con dous millóns de euros, permitirá desenvolver arredor de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e a posta en marcha de plans estratéxicos de futuro nas empresas galegas ata 2018. A presentación de solicitudes ao amparo das bases reguladoras correspondentes está aberta ata o 15 de setembro. Despois, activaranse novas convocatorias en novembro e decembro deste ano e en febreiro e maio de 2018.

O obxectivo fundamental do programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, é apoiar ás pemes galegas nos procesos de profesionalización dos seus equipos directivos e nos plans de xestión e desenvolvemento estratéxico, para procurar que se consoliden, crezan e avancen en mercados internacionais. Co apoio do Reacciona, as empresas poden escoller o seu itinerario de mellora personalizado, de acordo coas súas prioridades, apoiándose nun ou en varios servizos que van desde un diagnóstico inicial ata a execución dos diversos plans operativos.

29 de agosto de 2017 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.